Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

V Centenario da Reforma

Falabamos aí atrás de que o cristianismo non é elemento constitutivo esencial de Occidente ou Europa, aínda que forme parte da súa historia. O cristianismo era unha secta xudía até que San Paulos a sacou da sinagoga e abriu a súa igrexa aos xentís ou sexa aos non hebreos. O cristianismo converteuse na doutrina do estado romano e, logo despois, na xustificación do modo de producción feudal e dos imperialismos cesaristas. Pero si que hai unha forma de ser cristián, que, sen deixar o universalismo, naceu en Europa e desde Europa se extendeu a todo o mundo. Estoume a referir ao protestantismo. E fágoo, cando estamos a celebrar, uns máis e outros menos, os cincocentos anos da Reforma de Lutero.

O século XVI foi o do estoupido da razón, da beleza e da ciencia. O Renacemento, en termos relixiosos, chámase Protestantismo. No prodixioso século XVI, pois, a mensaxe protestante entrou na Historia, e vivificou as conciencias propiciando unha fontana viva de fe non ligada ao poder económico do Papado, das ordes monásticas, dos bispados e cabidos, do negocio das bulas e das peregrinacións. O protestantismo converteuse en factor de progreso e transformación social, mentres que os seus contrarios, os tridentinos de Roma, tiveron que esperar ao século XIX e ás revolucións burguesas e democráticas para perderen os seus inmensos privilexios terrenais, a cuxa recuperación segue aspirando o clero católico en secreto ou abertamente.

O protestantismo é a forma que o mundo moderno lle deu ao vello cristianismo. Como di un protestante amigo meu, e ben galego, semella que o noso Prisciliano sofrise martirio para que nos seus séculos futuros abrollase a luz da Reforma. Como é sabido, a Europa académica e máis civilizada está a conmemorar os cincocentos anos da Reforma.

Unha delegación de protestantes galegos dirixiuse á Comisión Filatélica de España para pedirlle que se lanzase un selo de correos conmemorativo da versión da Vulgata ao castelán, da Biblia que redactaron maravillosamente Casiodoro Reina e Cipriano de Valera nos días da Reforma. A Comisión Filatélica, seguramente formada por suxeitos españois nacionalcatólicos, denegou a petición. Os compoñentes da Filatélica con certeza non saben que no século XVI Frei Luis de León estivo preso pola Inquisición e procesado, entre outras cousas, por traducir un libro da Biblia ao castelán. Un dos valores que se fraguaron en Europa, e que Europa ofreceu ao mundo, é o do laicismo que aínda non deu chegado á actual España borbónica.

Compartir el artículo

stats