A taxa turística é un imposto destinado ao desenvolvemento e promoción do turismo. En España estase aplicando en Cataluña e por suposto, en moitas cidades de Francia, Italia e Estados Unidos. Na maioría destes países cóbrase unha taxa por noite de hotel e dependendo da categoría do mesmo.

Xa sei que a Illa de Arousa non é Roma, Venecia ou París. Pero está claro que a Illa, nos meses de verán, recibe moitos coches e turistas que non pernoctan no municipio pero fan uso das súas praias e dos servizos nelas existentes. O consumo de auga no verán é un gastos enorme para o Concello. A recollida do lixo nos fins de semana triplícase. Saír da Illa un sábado ou domingo pola tarde-noite é desesperante. En fin que son moitos os gastos e inconvintes sen ter unha compensación económica, se non todo o contrario, un gasto para o concello que pagamos os contribuíntes da Illa.

Xa sei que os chiringuitos viven dos turistas, pero hai moita xente que aínda veñen coa nevera e xa sabemos que é o que nos deixan. E que dicir das caravanas que aparcan na zona do Bao en primeira liña de praia onde teñen servizos e auga gratuítos?

Non quero dicir que haxa que cobrar por entrar na Arousa. Iso sería unha barbaridade. Agora ben, o Concello debería estudar algún tipo de taxa municipal para promocionar o turismo, e especialmente, para mais socorristas, Policia Municipal e Limpeza.

Hai moitos pobos costeiros en España que nas zonas de praia cobran por aparcar durante os meses de verán. Por qué non na Illa? O que está claro é que algo se debería facer. Na man das autoridades locais está.

*Juan Luciano Otero Besada foi concelleiro e tenente alcalde da Illa de Arousa entre 2007 e 2011.