Conta Óscar Lopes, nun dos seus textos autobiográficos que, sendo meniño, viu en Leça da Palmeira a aurora boreal. Debeu de acontecer o fenómeno sobre 1920, e coido que tamén foi espreitada nas costas de Galicia. Coa mesma espectacularidade de cores variadas mostrouse En Maré o día da súa fundación, onda o mar de Vigo. Máis de mil persoas en presenza, se cadra máis sub especie telemática, e alcaldes de vilas e cidades, concellais, homes e mulleres vindos de todas partes, reuníronse para fundar un novo e grande suxeito nacional galego.
O seu xesto facíanos acordantes daqueloutro das Irmandades da Fala, hai agora un cento de anos. Alí gurgullaban as fontes. Digamos o PCG, depositario da memoria da guerrilla antifranquista, que nunca arriou a bandeira azul e branca. E estaba tal bandeira coa estrela vermella no corazón dos descendentes directos e lexítimos de Castelao e de Bóveda, así coma de Lois Soto. A pantasma de Soto é a que máis celebrou a constitución d'En Maré como partido instrumental. No intre no que escribo estase á espera, con desexo e impaciencia, da incorporación de Podemos de Galicia, que tanto ten en común cos reunidos en Picacho. En Maré chamou por todos e non agardou por ninguén. Estiveron fundando En Maré moitedume de círculos, de grupos, de movementos novos aínda que suficientemente contrastados na práctica da acción e do pensamento. Estamos a falar dunha fundación excepcional, da que é parte inseperábel a figura de Beiras. Lembren, xa non o teórico da política e da economía, o orador, o prosista, senón, apenas, o militante.
Beiras, hai moito, fixo un oco de lucidez crítica cando dirixía a Revista de Economía de Galicia e apoiaba desde alí Castrelo de Miño. Levou un PSG nacido dos labirintos e toupeiras piñeiristas ao nacionalismo de esquerda. Beiras provocoulle fendas non suturabeis á falacia europeísta. Ao entrar ao BNG, levou esta fracción nacionalista (o independentismo quedou fóra) aos seus cumios. Escribiu libros fundamentais.
Agora ocorre que o inimigo, dentro e fóra de Galicia, dentro e fóra de España, vai facer, está a facer todo o posíbel porque En Maré non prospere. As insidias, as mensaxes de división, o incentivo ás discordias, a invasión dos ratos, a couza dos egoísmos, serán instigados polo poder. Todo será bon para destruír En Maré e para enfeblecer as potencias colectivas e individuais que converten esta formación en única. Forzas moi poderosas e ben dotadas de recursos son aquelas ás que se enfronta En Maré.