Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Profesor de Institucións Económicas na Universidade de Vigo

Celulosas Non!

Celulosas Non! foi durante moitos anos en Pontevedra e a súa ría unha pintada, un clamor, a expresión dunha repulsa, dun desexo social longamente frustrado. Celulosas Non! foi un berro de protesta. Foi e ten que seguir séndoo. Ante a infamia. Ante o sinsentido. Porque é unha infamia e un sinsentido prolongar por máis de cincuenta anos o que nunca se debeu de instalar. Unha industria sen industrias. Unha industria sen industrialización. Unha industria sen os beneficios que compensen os custos que xerou e xera.

Impúxoa a cegueira, determinouna o eucaliptal, a repoboación masiva impulsada coa política do Patrimonio Forestal do Estado franquista. Aos eucaliptos pródigos había que darlles saída, mentres nos montes de Galicia iniciábanse, como en Portugal, os sinais dunha "eucaliptazación" sen medida, os incendios forestais, inducidos ou espontáneos, tremendos en calquera caso.

A repoboación empezara antes. A época de Daniel da Sota na Deputación de Pontevedra marcou unha inflexión. Era unha alternativa produtivista ante un feito certo, ben diagnosticado, lamentado: a existencia dunha gran superficie de Galicia improdutiva, a "monte", aínda que o monte, unha porción significada do monte, sabíase formaba parte do sistema agrario galego, sustentado na aldea, a pequena explotación familiar, a terra de labor e os montes -comúns ou de particulares- para pastos, para leñas, para combustibles, para follaxes e camas de animais e mesmo de humanos... O monte formaba parte do modo de vida, do sistema produtivo tradicional.

Era un recurso que, en todo caso, parecía estar por baixo das súas posibilidades produtivas. Coa ditadura franquista deuse un salto adiante, unilateral, coactivo, sen acordos sociais básicos. Era a Ditadura. O monte repoboouse, "eucaliptizouse". Unilateralmente. Ante o silencio imposto. Ante a rebelión calada. Ante unha maioría silenciada. Cambiou a paisaxe. Cambiou o ecosistema. Nunca, en tan pouco tempo, produciuse unha mutación tan intensa, tan profunda, na paisaxe natural e humanizada de Galicia. Os efectos non se fixeron esperar.

Retrocederon os rabaños. Retrocederon os usos agrarios. O lume ocupou o monte e as páxinas da prensa de forma recorrente todos os veráns. Obtivéronse recursos monetarios rápidos: para as facendas municipais, para as deputacións provinciais, para o Estado, para os madeireiros..., para a industria forestal. E así foi como se impuxo, necesariamente, a industria das celulosas. A ría clamou no seu día. Mariñeiros, mariscadoras, homes e mulleres do mar resistiron. Foron os primeiros Celulosas Non! Pero foron en balde. As complicidades estaban tecidas. A decisión tomada. Logo viñeron os malos cheiros, as augas ennegrecidas, a escuma infecta sobre elas, as afeccións respiratorias e cutáneas, o mercurio non visible de Elnosa... Á beira dun emprego máis ben modesto. E duns efectos de arrastre máis ben limitados. Celulosas quedou nun enclave...

O de Pontevedra non foi o único caso. Tamén en Asturias implantáronse. E en Huelva. Na nosa ría, entre Pontevedra e Marín, en Lourizán. Un lugar notable, fermoso. Un espazo exquisito. A desembocadura magnífica do Lérez, os areais xenerosos, fértiles, da "Barra", as praias brancas, relucentes, excelsas, de Lourido, a maxestosa illa de Tambo, a enseada e o casal referente de Lourizán, de Montero Ríos, e a súa mansión deseñada por Jenaro de la Fuente, os "hotelitos", os chalés, as colonias de verán entre A Boa Vila e Marín, un dos primeiros espazos turísticos de Galicia na Belle Époque, entre os últimos anos do século XIX e os primeiros e alentadores compases do século XX... A Casa de Baños, o Hotel-Restaurant dos Praceres, o tranvía de vapor, o tranvía eléctrico que unía ese espazo en formación e o dinámico porto de Marín e o seu prometedor desenvolvemento comercial...

Chegou Celulosas e, nos anos sesenta, todo iso quedou acalado, mergullado, como as primeiras protestas. E como as que viñeron despois. As da cidadanía amante da súa terra, dos seus recursos, do medio ambiente, das alternativas a unha industria de posible traslado, con substitutivos. Son moitos os colectivos implicados. Nun recadro, remarcada, hai que poñer á Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra. E a todas e todos aqueles que alimentaron esa contestación cívica, pacífica, repetida, lamentablemente recorrente.

Celulosas Non!. Dúas, tres, cen, miles e miles de veces Non!... Hai alternativas. Os custos agregados da papeleira son maiores que os beneficios. Os postos de traballo poden xerarse, devolvendo a Ría, aquí entre Marín e Pontevedra, e Campelo e Poio e Combarro e Chancelas... a unha ordenación coidada. A un desenvolvemento urbano, entre Pontevedra e Marín, que devolva o valor natural a ese territorio, que empregue os seus recursos: a illa de Tambo, a enseada de Lourizán, a antiga quinta de Montero Ríos e o seu edificio. E enfronte, en San Salvador de Poio, o "hotelito" de Augusto González Besada, e o Conxunto Histórico de Combaro, e un pouco máis aló os encantos do Lérez, e Pedre, e o complexo arqueolóxico de Campo Lameiro, e o Castelo de Soutomaior, e a ría prolongándose cara a Bueu e a "boca" de Aldán, e Udra... Unha ruta, un espazo de encanto, unha experiencia singular, que ao fin permita incorporar a Illa de Tambo ao gran parque das Illas Atlánticas. E para ela un gran bulevar, peonil, arborizado, que convide ao paseo, ao deporte, ao transito humano entre o Porto de Marín e a coidada, grata, cidade de Pontevedra... Co seu tranvía moderno e o seu tren de mercadorías,... Coa ría aberta ao fondo, como gran porta ao Atlántico que nos leva e nos trae, ese mar eterno que mostra os seus brillos co sol encima ou mentres se afunde máis aló da illa de Ons e da liña do horizonte. Quizais con algunha urbanización turística, medida, con arquitectura coidada, referencial, de iniciativa privada e estímulo público.

Se se fixesen números realistas, medindo ben todos os custos e os beneficios, os empregos directos e indirectos, os impactos sobre o medio ambiente e o territorio, estou convencido de que as contas aconsellarían a aposta. E o Celulosas Non! podería facerse realidade. E acabaríase a infamia. O retroceso. E sesenta anos máis dun erro que nunca se tivo que producir, na década de 1950, nin unha prórroga alevosa, imprudente, insensata, en 2016, que tampouco nunca debeu de producirse. Sen que haxa que renunciar necesariamente no país galego a un complexo de celulosas ou a unha "planta de biomasa", o nova bandeirola de enganche. Sen que haxa que "desaucaliptizar" a curto prazo os montes de Galicia, aínda que proceda apostar sen dúbida polo recorte progresivo da súa implantación.

Celulosas Non! Mil e mil veces máis, Non! Poñereino así, simbolicamente, na miña papeleta electoral deste próximo domingo. Para que a nosa ría volva ao lustre que nunca debeu perder... Para retorcerlle a vontade á infamia.

Compartir el artículo

stats