Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

No Día das Letras Galegas

Non poñendo en dúbida que todos os homenaxeados e homenaxeadas teñen méritos suficientes para seren lembrados na Semana das Letras, hai que recoñecer que hai anos que quedan na memoria colectiva dun xeito íntimo e especial. Pasou na primeira edición dedicada a Rosalía de Castro, pasou no 1991 coa figura de Cunqueiro e entrementres houbo casos como os de Castelao ou os tres xograres da ría de Vigo ben significativos eles para o conxunto do pobo orgulloso dos seus próceres.

Dito isto, creo que estamos vivindo outravolta un ano especial. O acerto (por fin) da Academia Galega co nomeamento de Manuel María como persoeiro das nosas letras a sobrancear pechou calquera atisbo de discusión ou polémica. Poucas figuras da nosa cultura comportan tal grao de adhesión e unanimidade oficial e popular (sabéndomos que estes dous últimos aspectos non van necesariamente unidos).

Situada a transcendencia da celebración deste ano toca falar do creador. É ben sabido que Manuel María foi home prolífico e xeneroso. Construíu un mundo literario para os máis: pobo e compromiso. Se ben é certo que xa de moi novo comezou a súa andaina poética nos vieros do existencialismo -aproveito para aclarar que, talmente como aparece en numerosos textos publicados ao longo deste ano e máis alá, o primeiro poemario de Manuel María non foi Muiñeiro de brétema, senón Elexías á miña vida pequeniña, poemario atopado entre os papeis de Álvaro Cunqueiro aló polo ano 2004-, moi pronto a atención do escritor estivo cun motivo transversal en toda a súa obra: o País. Fose a través da poesía, da literatura dramática ou a literatura especialmente pensada para os máis novos, Galicia é o motor que inspira ao autor en diversas e moi vizosas manifestacións que lle valeron o recoñecemento popular. Eis outra das cuestións a salientar, discernir entre o autor e o home que suscitou tanta simpatía e cariño ao longo e ancho de Galicia. Son aspectos, a pesar do pouquiño espazo do que dispoño, que hai que subliñar na medida en que somos conscientes de que todo o que estamos facendo para lembralo vai máis alá do autor ou persoeiro; falamos xa do símbolo, do autor que fai que nos sintamos orgullosos como pobo ao falarmos del, á altura dunha Rosalía ou un Castelao que, co seu traballo primeiro, co seu legado despois, fixo de Galicia unha terra, un espazo vital un pouquiño mellor. Parabéns, Manuel, parabéns, Galicia!

(*) Concelleiro de Cultura e Normalizacion Lingüística

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.