Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Os ecoloxistas e o lobo (I)

Penso que resulta desatinada a reflexión de Román Santalla, de Unóns Agrarias, na acusación que fai sobre a ausencia do movemento ecoloxista á hora de implicarse no conflito lobo-gandería. Non sei con que propósito o fai.Os responsables están na Xunta, non despistarse. Os ecoloxistas non son unha parte na que diluír o problema. Non deberían ser o obxectivo dun sindicato agrario que demanda solucións en materia do lobo.

O único que con iso se consegue é alimentar posibles tensións e distanciamento cara unha posible acción conxunta de tódolos axentes implicados en poñer solución sobre a mesa. Ou máis que poñer solución, que a nós non nos toca, a posibilidade e necesidade de actuar conxuntamente coma unha unidade de presión fronte a quen si tería capacidade de facelo. Que non é outra que a Xunta.Neles é onde hai que poñer o foco de denuncia.

O lóxico dende fóra é tender pontes de cooperación nun obxectivo común, a resolución satisfactoria dun conflito ,que ben pode resolverse cambiando determinadas políticas. Outra cousa é que poidan existir estratexias e capacidades diferentes de acción, reivindicación e comunicación do problema. E pode que nin uns e outros teñan (ou teñamos) a "verdade absoluta" de cal debe ser o camiño a seguir. Máis pretender erixirse como abandeirado dunha problemática de complexidade manifesta, dependente de múltiples factores (políticos, sociais, biolóxicos, de economía rural a pequena escala..), non me parece acertado. Dende o movemento ecoloxista ben se poderían despregar moitos argumentos pra desmentir tal aserto. Máis tampouco aportaría grande cousa. Así, por citar, non teño visto que se teña protestado, fóra do ámbito ecoloxista, polo falta da obrigatoria convocatoria do Foro de Participación do Lobo. Nese ámbito formal, o debate e as conclusións tiradas por todos, e a chamada de atención á Xunta, podería supor introducir algúns cambios cos que albergar algunha esperanza de iniciar a resolución deste problema. Máis en seis anos, de incumprimento sistemático do Decreto polo que se regula o Plan de Xestión do Lobo en Galicia, non ten sido así. Tamén o movemento ecoloxista ten reivindicado a súa presenza nas comisións de valoración de danos, negándoselle tal posibilidade, e non teño visto o apoio de determinados sindicatos para que así puidera ser.

Cónstame con bo coñecemento de causa que o movemento ecoloxista leva moitos anos, e de moi diferentes formas, denunciando o abc da pésima maneira en que a administración ten abordado este asunto. A principal e grande causa que arrastra a errática xestión por parte das administracións ten que ver co escasísimo empeño, desentendemento e falta de vontade en tratalo. Na práctica á Xunta, e ao resto de gobernos autonómicos,nunca lle importou ren entender e asumir o que é o lobo. Para a administración simplemente é unha especie salvaxe que orixina molestias puntuais nun rural no que non cree e, obviando o seu papel e comportamento ecolóxico, tenta resolvelo con torpes medidas inconexas e transitorias que acumuladas no tempo se traducen nun fracaso que xa dura moitos anos.

Se falta esa vontade e convencemento da administración para poñer os recursos necesarios, dedicados especificamente en resolver coa atención debida este asunto, todo o demais que se faga lévanos ao que xa coñecemos. Así perde o lobo, perde o gandeiro, perde a sociedade. O triste é que se tiveramos que reducir o problema deste conflito a unha única cuestión, e así resolvelo con certa solvencia e garantía, esa sería a económica. Si, o problema do lobo é unha pura cuestión de cartos, e nin tan sequera moito. Unha rápida estimación de custes (a groso modo) situaríanos nun horizonte duns 15 millóns de euros a 10 anos. Seguiría habendo ataques, e algún danos, pero ponderando tódolos factores, o conflito reduciríase a unha irrelevancia perfectamente asumible por todos.

*Biólogo de Lalín

Compartir el artículo

stats