Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Separatismo

Aínda que moitos se neguen a percibilo, a corrente hexemónica do mundo político contemporáneo é a que crea constantemente novos estados independentes. Nos días da miña infancia, nos cales me aprendían as capitais do mundo, había só 74 estados independentes e soberanos. Hoxe hai 194 estados independentes e soberanos. O que quer decer que, ao longo da miña vida, foron declaradas 120 independencias nacionais.

No deberá extrañarnos, pois a Idade Contemporánea nace coa Revolución Francesa, que proclama o principio de soberanía nacional, e tamén cunha declaración independentista, que foi a dos Estados Unidos de América. É máis, as Nacións Unidas proclamaron claramente o dereito á autodeterminación dos pobos en 1960. Esta doutrina en teoría polo menos é admitida universalmente. É notorio que a descolonización da África e da Asia supuxo unha emerxencia masiva de repúblicas do trinque e do movemento neutralista. Eu gardo na miña memoria infantil con moito agarimo a imaxe de Gandhi "ensabanado" (diría Valle Inclán) e a proclamación de independencia da India.

Das lembranzas xuvenís non se me poderá borrar xamais o FLN de Alxeria e a independencia deste país árabe e bérbere. Pero tamén en Europa se produciron independencias e afloraron novos estados. En tempos do meu pai foron Irlanda, Noruega, Chekoslovaquia, e outros países os que naceron, algúns a consecuencia da disolución do imperio austríaco. Peron xa eu estaba aquí cando Islandia lle virou a costas a Dinamarca e se converteu en república mariñeira e sumamente hospitalaria que protexe a marcha de andadura dos seus cabaliños pequenos igual que os galegos sabemos facer cos nosos.

O curioso é que a tendencia separatista, planetaria e dominante no noso tempo, resulta descoñecida, e negada interesadamente por moitos. "Todo tende á Unidá" escribiu Curros nun seu poema infeliz. Que a tendencia do mundo sexa á Unidade é unha construcción ideolóxica falsa que ten diversas orixes, inda mesmo contradictorias. En rigor, todo tende á diversidade.

Outro día falaremos da globalización imperialista e de cómo o BRIC e outras confluencias internacionais a están combatendo con éxito, así coma da presente crise da UE que anuncia o seu fin.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.