Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Plan oculto

"Agardaba, polo menos, que tivesen un plan para poderen espetar: 'Isto é o que faremos se non obtemos o rescate'. Déixame abraiado que chegasen a pensar de veras que podían mellor as condicións sen contaren cun proxecto alternativo. Desde logo, sobrevalorei a capacidade do Goberno grego".

Como, sen dúbida han de coñecer dabondo os -sempre moi amables- lectores destas crónicas semanais, que hoxe retornan logo da paréntese estival, velaí que o economista norteamericano Paul Krugman -todo un premio Nobel de Economía (2008)- vén de pronunciar as referidas palabras nunha entrevista concedida á CNN. Convencido da inexorabilidade do "Grexit", Krugman vaticinou diante das cámaras que o que estamos a enxergar tan só constitúe unha breve pausa no dramón/culebrón e que a República Helénica, incapaz de afrontar a xigantesca débeda que a atenaza, acabará por dirixirse cara á porta de saída da zona euro.

Xa que logo, e malia todo o seu look hollywoodiano, tal semella que, a diferenza de Dalton Russell/Clive Owen, Yanis Varoufakis non contaba no seu haber cun Plan Oculto, Plan B ou como Vdes. prefiran rotulalo. Para maior desgraza, nin por pura "chiripa" é posible trazar o máis mínimo parecido entre o detective Keith Frazier/Denzwel Washington (o perseguidor de Russell/Owen) e o todopoderoso ministro de Finanzas do IV Reich -digo da República Federal Alemá- Herr Wolfgang Schäuble. Ou o que vén ser o mesmo: o título do film e mais o "the end" do mesmo estaban xa máis que decididos desde o primeiro fotograma. Pagamos a entrada absolutamente para nada, todo un fraude. E sen embargo...

Sen embargo, poida que, así e todo, os gregos si que tivesen un Plan Oculto/Plan B na gaveta. Mágoa, iso tamén, que ou ben non contasen con tal eventualidade ou acaso chegasen a considerar que, de realmente existir, esoutro Plan Oculto/Plan B da man de Frau Merkel nunca se tornaría en algo máis que un conto de ogros e meigas malignas para asustar os nenos díscolos e pouco obedientes cos designios de mamá/papá. Xa absorto en plena cacería de úrsidos; xa inmerso nunha apaixonante partida de Risk -"...E onde poño tropas agora? En Ucraína ou, mellor, en Yakutsk, Kamchatka e Ural?"- ou talvez danzante afouto en, vaia saber Vde., cal discoteca crimea, o certo é que o zar Vladimir decidiu facerse o ruso (ou o sueco) e pasar páxina. Polo menos, pasar páxina desta volta.

O "Grexit", pois, como un farol na partida de póker. Sabido é o pouco que representa a economía grega no conxunto da Unión Europea. Mais coñecida é igualmente -ou debería selo- a importancia xeoestratéxica do país heleno: tanto nos tempos da Guerra Fría como aínda agora mesmo, nesta xeira eslamiada que estamos a habitar. Apelar a Moscova: eis, en esencia, o único as na manga co que podía contar o goberno de Syriza no seu favor. Daquela, acaso foron calcular Tsipras e mais os seus que, conscientes do perigo de desestabilización que se podería producir nas augas do Exeo -coa veciña Turquía sempre á espreita-, os europeos acabasen por ceder e suavizaren, en consecuencia, as condicións propostas. A memoria da frota soviética atravesando o Bósforo e mais os Dardanelos habería de resultar suficiente -talvez pensou D. Alexis- como para temperar os ánimos e asumir un desenlance honorable. Pero non.

Sen noticias de Moscova; demasiado lonxe Atenas de Pekín e mais do Ceo, redivivos paracaidistas viñeron ocupar sen oposición Creta -desde logo-, o Epiro, Salónica e mais a Ática enteira. As canas tornáronse lanzas, entón: completamente sós no medio e medio dun "mondo cane", os gregos souberon así de boca xermánica como, de persistiren na rebeldía, o seu destino non só se habería de deliñar para alén da zona euro, senón aínda máis aló dos lindes da propia Unión Europea e, quen sabe?, incluso do paraugas protector da OTAN (ou da Alianza Atlántica, como lle gustaba/gusta subliñar a D. Felipe González Márquez). Vaia, que xa postos na Apocalypse Now, o posto de Atenas na mesa común ben podería pasar a Ankara. Nin que dicir ten, até aí podían chegar as cousas! Tocaba, polo tanto, rendición incondicional, e é que o Gran Taboleiro non admite amateurs sentados á mesa.

O adaxio popular advirte aquilo de que "segundas partes nunca foron boas." Non son quen de lembrar aquí e agora se a filosofía grega asevera algunha cousa semellante. En todo caso, os remake máis ben semellan cousa da cinematografía: velaí tabeiróns, parques xurásicos e, nunca mellor para o caso que nos cupa, misións imposibles. Tsipras will he return?

Compartir el artículo

stats