Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Vida e morte no Fondo da Ría

A Illa de San Simón é un lugar belísimo para os ollos no que se acumulan reminiscencias de dor e morte. Meendiño, sequer fose baixo forma imaxinaria, fai que, na súa cántiga, a rapariga eterna vaia morrer alí de amor. O conde de Gondomar, Diego Sarmento da Cuña, teño entendido que se fixo cun bon monllo de ósos de mártires católicos de Inglaterra e que os foi sepultar á Illa. Houbo alí lazareto e lugar estanco para controlar o progreso das pestes. Por Redondela, na miña nenez, corrían relatos de odios e envenenamentos nas familias de administradores e médicos do establecemento sanitario.

Aínda aínda, o Viale Moutinho, grande périto en estorias de San Simón, ouviu comigo en Rande o relato conforme os cazadores se acubillaban á tardiña na Illa por masacraren os bandos de patos que víñan facer pernocta a terra. Mais, "la rancuna mayor non la puedo oblidar", como dicía o Cid no núcleo central do seu poema. Nunca o país esquecerá as persoas que na Illa de San Simón padeceron prisión e recibiron morte da man dos fascistas de Franco. Aínda estamos á espera de que en San Simón se poñan lápidas coa nómina completa das víctimas, do tipo das que podemos ver en toda Europa. A combinación de "recuerdo de la muerte" e de beleza única no mundo en San Simón resulta mesmamente diabólica, o cal converte en singular aquel sitio sobreo que paira tamén a acordanza da batalla naval máis famosa. Pero San Simón ten tamén luces e hai aló esperanza. Nemo arranca ouro dos fondos lamacentos da enseada para subvencionar os movementos de liberación nacional, o cal significa vida e confianza nun mundo liberado de xugos coloniais.

O próximo día 6 de xuño, na illa poética e sombriza, Edicións Xerais de Galicia vai fallar os seus premios, Premios Xerais de novela, de inmenso prestixio, que xa chegará en San Simón á seu trixésima segunda concesión para ben das letras patrias. E tamén os premios Jules Verne de literatura xuvenil e Merlín de literatura infantil. O esforzo de edicións Xerais de Galicia, ao longo destes anos logos e dificeis, por dotar as nosas letras duns galardóns dignos, contrasta vivamente coa apatía, e mesmo hostilidade, cara a cultura nacional das autoridades da Xunta de Galicia e outras tan cadevéricas e prescidibeis como poida ser a deputación de Pontevedra. Pero disto haberá ocasión de falar nos próximos anos e desde perspectivas realmente novas. A maré da vida enche tamén o Fondo da Ría.

Compartir el artículo

stats