21 de septiembre de 2014
21.09.2014
Faro de Vigo
ILUSTRES

O "cidadán libre da república literaria": a vida de Benito Jerónimo Feijoo y Montenegro

21.09.2014 | 02:28
Casa de Casdemiro na que naceu o Padre Feijoo en 1676. Gravado xilográfico acuarelado a man e realizado a partir dunha fotografía por Manuel Nao en 1876. Colección de impresos do AHPOu.

"Fue el Rmo. Feijoo de estatura prócer (...); el cuerpo muy derecho (...); sus miembros robustos y proporcionados. En una palabra: era bien hecho. Su cara algo más alargada que lo justo; el color medianamente blanco; los ojos vivos, penetrantes y juntamente apacibles (...). El semblante plácido, sobre sí y justamente majestuoso, de suerte que desde luego enviaba especie de hombre grande. Era algo calvo, y había encanecido desde la edad de 30 años, como decía él mismo. (...). El cutis muy delicado, y la complexión sana, de suerte que su grande achaque para la muerte fue la vejez y falta de espíritus vitales". Esta foi a descrición física que do <<Padre Feijoo>> apareceu no relato que se fixo da súa morte e funerais. Era a imaxe dun home que nacera oitenta e sete anos antes nunha aldea do Reino de Galicia.

O 8 de outubro de 1676, á beira do río Miño, moi preto da cidade de Ourense, no lugar de Casdemiro (Santa María de Melias, O Pereiro de Aguiar), naceu Benito Jerónimo Feijoo y Montenegro Puga no seo dunha familia fidalga. Foi o primeiro dos dez fillos de don Antonio Feijoo Montenegro e dona María de Puga Sandoval y Novoa.

Vida de monxe

En razón á súa primoxenitura aquel neno estaba destinado a herdar o morgado familiar; debía perpetuar a súa liñaxe e vivir das rendas producidas polo seu patrimonio. Pero a súa natural e temperá inclinación ao estudo, fomentada polos seus proxenitores, marcoulle unha senda distinta, máis propia dos segundóns: unha vida de monxe, dedicada con tesón ao coñecemento.

É posible que Benito J. Feijoo aprendese as primeiras letras en Allariz, residencia habitual da súa familia, e que continuase os estudos no Real Colexio de Santo Estevo de Ribas de Sil. Aos <<catorce de edad>> ingresou no mosteiro de San Xulián de Samos, para profesar en 1692 co hábito bieito que habería de vestir durante o resto da súa vida. Nese momento renunciou ao morgado.

Home apacible

O <<home apacible>> forxou a súa prolixa mente co estudo e a conversa, á que era moi afeccionado. A súa alta figura paseou os claustros de San Vicente de Salamanca, San Pedro de Eslonza (León), San Salvador de Lérez -onde coñeceu a frei Martín Sarmiento, con quen trabou amizade e colaborou de por vida - e Poio (Pontevedra). No ano 1709, cumpridos os trinta e tres, o P.Feijoo fixou a súa residencia definitiva no convento de San Vicente de Oviedo, do que sería abade en distintas ocasións. En Oviedo foi profesor de Teoloxía e desenvolveu unha carreira académica exemplar, ascendendo na escala universitaria ata ocupar a cátedra de Prima, a de maior prestixio, da que se xubilou en 1739.

A súa vida estivo marcada pola sinxeleza de carácter. Segundo os seus coetáneos, foi persoa de trato <<humano, amable e accesible>>. Renunciou a calquera clase de prebenda, coma, por exemplo, un bispado en América que lle foi ofrecido no ano 1725 por Filipe V.

A mentalidade do P.Feijoo encaixou ben na liña reformista que introduciron os Borbóns dende que accederon ao trono español a principios do s. XVIII. Esta razón explica, en boa medida, que o sabio bieito gozase do favor real ao ser nomeado, por Fernando VI, membro do Consello do Rei en 1748, e que obtivese deste monarca unha importante defensa da súa obra.

O Padre Feijoo faleceu un 26 de setembro de 1764, aos 87 anos de idade. As súas inquedanzas intelectuais ocuparon o seu tempo vital. Froito do seu traballo é o importante e imperecedoiro legado de sabedoría que se recolle nas obras dun pensador inconformista que se considerou un <<cidadán libre da República Literaria>>.

250 aniversario

Neste ano 2014 cúmprense 250 anos do pasamento do sabio de Casdemiro. As institucións culturais ourensás prevén realizar distintas iniciativas para conmemorar o feito. Por impulso da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu), desde o seu modesto posicionamento, vai sumarse a esas iniciativas cunha nova entrega do serial de curtametraxes As viaxes do Capitán Gardador dedicada á figura do P. Feijoo e ás distintas homenaxes que se lle fixeron ao longo da nosa historia, co fin de ver a súa significación para Ourense. Complementariamente a esa curtametraxe realizarase unha exposición dos documentos utilizados nela, xunto con reproducións de fondos procedentes doutros arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Esta actividade permitirá inaugurar un novo espazo expositivo para o AHPOu e dar a coñecer o rico patrimonio documental que atesouran os nosos arquivos. O texto deste artigo é un avance de parte dos contidos desa exposición. Agardamos poder contribuír co noso traballo, coa visión dos arquiveiros, a enriquecer o coñecemento social da figura do sabio bieito neste contexto de efeméride.

(*) Director do Arquivo Provincial de Ourense.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook