08 de julio de 2014
08.07.2014
Campo de Granada

Outra política para Vigo

08.07.2014 | 03:55

Á saída da presentación da marca //ABANCA en Compostela, un grupiño dos vigueses convidados non puidemos evitar preguntarnos: "Oíches dicir algo de Vigo?" Quedaramos desconcertados tras un acto no que se falou do futuro económico da Galicia e dos que se presentaron como os "seus sectores produtivos (agricultura, pesca e téxtil)" e onde houbo unha referencia ao sector da construción naval, que consideramos de forma benevolente como a única cita expresa á primeira área metropolitana do noso país, desaparecida tamén no vídeo de presentación da marca, ambientado nas paisaxes da área metropolitana da Coruña e As Mariñas, onde (en Betanzos) ten a súa sede social o banco novo. Unha elección que non pode ser considerada precipitada nunha campaña de presentación corporativa que se pretendeu coidar ao detalle, dende o azul e branco da marca, equilibrando celeste e índigo, até a "melodía celta" da sintonía dos anuncios encargada a Carlos Núñez. Que razóns poden explicar semellante erro? Como se perdeu unha oportunidade tan magnífica de fusionar as imaxes urbanas das áreas de Vigo e da Coruña presentándoas de forma simbólica como as da mesma gran cidade galega?

Esta anécdota do erro de presentación de Abanca é outro síntoma da perda de peso que Vigo ven sufrindo ao longo da última década tanto en Galicia como no marco peninsular e europeo. Por moito que nos pese, xaora Vigo non conta co indiscutible liderado económico, demográfico, social e cultural que exerceu durante a maior parte do século XX sobre o proxecto de Galicia como país. As mostras desta perda de liderado, que supón un lastre para as posibilidades de competitividade das empresas viguesas, e tamén de oportunidades de emprego, son denunciadas cada día nas páxinas de "Faro de Vigo", razón polas que abonda só con enumeralas.

O aeroporto de Peinador perde destinos, frecuencias e viaxeiros. A Estación Marítima reduce o número de escalas de cruceiros e visitantes. O porto de mercadorías perdeu a conexión coa autoestrada europea do mar. A chegada do tren de alta velocidade da Meseta por Cerdedo adíase sine die, cando a actuación sobre a estación de Urzaiz, proxectada por Thom Mayne, ameaza con lembrarse na arquitectura de papel. A posta en marcha do transporte metropolitano quedará outro ano máis en auga de castañas, como a construción da Biblioteca Pública do Estado. E se a preocupación polas datas de apertura e a xestión privatizada do Hospital de Valadares non abondasen, a lei de planta xudicial do Partido Popular ameaza con deixar a Vigo sen partido xudicial, obrigando a máis de catrocentas mil persoas a desprazarse a Pontevedra para realizar os seus trámites. Sen esquecer as dificultades dos estaleiros da ría, os peches de milleiros de comercios e a crise das nosas industrias culturais e creativas. A pesar da resistencia heroica de Citröen e do sector da automoción, o principal problema de Vigo son as brutais taxas de desemprego en niveis inadmisibles, as peores dos últimos corenta anos, que sitúan a milleiros de familias viguesas nos umbrais da pobreza e da exclusión social. Aí o noso maior devalo, a nosa maior perda de liderado.

Unha situación precaria, con orixe, protagonistas e responsabilidades diversas, entre as que non son menores os erros das chamadas elites viguesas. Unha situación de emerxencia á que non se lle porá remedio acudindo á existencia dun inimigo exterior, ese ser maligno (sexa compostelán, coruñés, pontevedrés ou madrileño) destinado a magoarnos pola nosa condición de ghichiños que non sabemos se vemos ou miramos pola xanela. Non, a pesar de que hai razóns abondas para a queixa e para a protesta cidadá contundente, Vigo non pode asumir o vitimismo como a súa estratexia para saír desta parálise. Vigo precisa mudar coma un carpín, activar os motores da súa poderosa capacidade de cooperación cidadá co obxectivo de recuperar o planeamento estratéxico e a participación veciñal e social como os dous eixos do seu proxecto metropolitano, inserido nun anovado mapa territorial para Galicia. Nese vieiro está a recuperación do seu liderado.

Non son tempos para o vello cesarismo nunha cidade portuaria que contou sempre cunha alma cosmopolita e galega, onde a estirpe popular atuaba as novidades internacionais. Nesa alquimia exitosa de abella na ribeira naceu o dinamismo dos nosos empresarios e a resistencia dos nosos obreiros. Xaora, Vigo precisa acuñar un novo proxecto metropolitano para as dúas próximas décadas. Deseñalo con éxito dependerá da súa firmeza para facerse respectar polas diversas administracións, máis tamén da súa capacidade para reinventarse politicamente, abandonando os modelos da vella política e forxando acordos amplos arredor de proxectos novidosos. Outra política para Vigo é necesaria e posible.

bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook