Non hai moito tempo releín Señor das Moscas (Lord of the Flies), magnífica obra publicada en 1954 polo profesor e premio NobelWilliam Golding. A novela, creación que case poderiamos ler como un relato antropolóxico, trascendeu ao seu autor, convertíndose nun icono entre os estudiantes que tiñamos que ver coas Ciencias Sociais. No noso caso, formou parte das lecturas paralelas na asignatura de Antropoloxía, incluída no programa de 5º Curso da especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía que se impartía na década de 1980 na Universidade de Santiago.

A narración, como vostedes xa saben, é tan simple como simbólica e, se mo permiten, cruel. Trata dun grupo de xóvenes que, ante o estourido dunha guerra atómica, son evacuados de Inglaterra nun barco. Pero a nave naufraga nunha illa do pacífico e os rapaces quedan sós, sen adultos. Necesitan organizase para sobrevivir.

As condicións, sen embargo, non poden ser máis favorables. A illa ten un clima excelente, froitas e auga. Nela non viven feras ameazantes. A guerra está moi lonxe e non lles afecta. É máis, nada existe que lles poida lembrar o conflicto bélico, agás o achado do cadáver dun paracaidista que atopan por casualidade. Fóra diso, é previsible unha vida placentera e relativamente cómoda ata que alguén veña a rescatalos. Eles, ademáis, son rapaces procedentes de familias acomodadas, ben educados e instruídos.

Unha vez superada a conmoción do naufraxio, deciden organizarse. Primeiro, establecen unhas normas consensuadas, unhas reglas democráticas que regulen a convivencia ante a nova forma de vida que o azar lles puxo por diante. Para entenderse, acordan non falar todos á vez. Elixen un responsable do grupo e un encargado de manter sempre acendido o lume, por se pasa un barco que os poida rescatar. É o primeiro rasgo de civilización neste espazo salvaxe. Como xa antes fixera Robinson Crusoe, que sobrevive cos recursos da cultura occidental nun medio sen civilizar. Xusto o contrario da experiencia narrada no filme O Neno Salvaxe (L´enfant Sauvage) de François Truffaut, na que un individuo criado na natureza hase adaptar a unha sociedade occidental, civilizada. Este asunto, a contraposición Cultura/Natureza ou Civilización/Salvaxismo, foi tratado recurrentemente na literatura e no cinema, como Tarzán en Nova Iork (Tarzan's New York Adventure), de 1942 ou, trocando o asunto en involuntaria parodia e entreteñemento, Cocodrilo Dundee, exemplo moito máis recente.

Pero volvamos cos rapaces que naufragaran na illa. Tan pronto como intentan organizarse, comezan os problemas. Moi pronto, divídende en dous clans, o que intenta manter as "institucións" e a orde acordada, liderado por Ralph, e o dos cazadores, no que Jack, o seu líder, convirte nunha especie de tribu guerreira baixo o seu mandato. Os conflictos entre eles van a máis, o que finalmente provocará a morte do membro dun dos grupos.

Os cazadores incluso crean un culto ao redor das cabezas das presas capturadas que insertan nun pao chantado, e que pronto atraerá a multitude de moscas. O "Señor das moscas" mora, segundo queren creer, no fondo dunha cova.

Non se preocupen, nos lles vou contar máis das cousas que lles foron acontecendo a estes náufragos, sobre todo por se alguén esqueceu como termina a historia e porque sempre sairán gañando se releen o libro, que ademáis foi traducido ao galego pola editorial Sotelo Blanco.

Pero iso non é inconveñente para que volvamos sobre o asunto dende outros puntos de vista. Especialmente polo fondo significado que Golding transmite na súa espléndida obra.

Sobre todo porque os rapaces, privados do control dos adultos, progresivamente adoptan un comportamento que os vai aproximando ao estado salvaxe, sumerxíndose no máis remoto das sociedades do pasado, como moitos occidentais -tamén investigadores- creían velas, seguramente tamén o propio autor, influídos por un etnocentrismo que non foi alleo aos inicios da investigación antropolóxica.

Recorrendo á obra Raza e Historia, de Claude Lévi-Strauss, poderiamos definir o etnocentrismo como unha actitude que nos conduce a xulgar a outras culturas segundo as nosas propias normas, íncluso con valoracións morais, sen ter en conta os contextos que as crearon ou no que emerxeron. Dende ese punto de vista, parécese moito ao racismo, que considera toda diferencia como unha anomalía, cando non como unha aberración. Cando me achego a este asunto, non podo evitar lembrar o escrito de Eduardo Galenano Los Nadies, do que reproducimos o seguinte fragmento:

Que no son, aunque sean./ Que no hablan idiomas, sino dialectos. / Que no profesan religiones, sino supersticiones./ Que no hacen arte, sino artesanía./Que no practican cultura, sino folklore.

Parece que Golding quere poñer de manifesto o risco que correrían as sociedades civilizadas de volver ao estado salvaxe, unha vez que desaparecen ou se debilitan as ataduras do comportamento convencional, ou o que é o mesmo, resaltar a fraxilidade da civilización. O Señor das moscas relata o doado que é desandar o camiño do progreso, aparentemente irretornable na mentalidade occidental contemporánea, valoración que sen dúbida poñen en cuestión feitos bélicos e actitudes descarnadamente crueis vividas no seo da "vella Europa" non hai moito tempo. Serva de exemplo o conflicto da antiga Iugoslavia ou o renacer dos movementos autoritarios de un e outro signo que agora mesmo está a acaecer no noso continente.

Para iso o autor sérvese de símbolos utilizados na Antropoloxía que manexa maxistralmente e, moitas veces, de forma subliminal. É o caso da utilización de rapaces como símbolo de ausencia de maldad; ou a ambientación nun Paraíso Orixinal, que se perderá xunto coa inocencia; tamén o sacrificio, o asesinato, do fundador da "tribu".

Neste asunto, conecta perfectamente con antropólogos da talla de L.H. Morgan ou J.G. Frazer, que por medio do estudio por "primitivos actuais", cuestionaban os valores da cultura occidental xa dende os albores da Antropoloxía.

Como ven, a Arqueoloxía non só non é allea aos estudios antropolóxicos, se non que ten moitos puntos en común con eles. De feito, en determinados momentos vémonos a nós mesmos como antropólogos do pasado. Incluso existe unha disciplina científica denominada Etnoarqueoloxía. Pero diso falaremos noutra ocasión. Ata entón, me permito recomendarlles a lectura deste clásico de William Golding.

(*) Arqueólogo municipal