Opinión | Campo de Granada
Editor e profesor
MANUEL BRAGADO
Reimprímete
Con motivo do Día do Libro, o pasado 23 de abril vinte organizacións empresariais e profesionais relacionadas co sector do libro e do produto gráfico celebraron en Compostela o foro Reimprímete. Editores, libreiros, impresores, escritores, xornalistas, ilustradores, tradutores, deseñadores, críticos literarios, publicitarios, marquetinianos, papeleiros, bibliotecarios pertencentes a 500 empresas ou representando a 1.300 profesionais independentes reclamaron con espírito mancomunado a recuperación efectiva do carácter estratéxico do sector do libro e do produto gráfico en Galicia, tal como aparece recollido na vixente Lei do libro e da lectura de Galicia de 27 de decembro de 2006. Como salientou a escritora Rosa Aneiros, autora do manifesto "Se non hai vento, vogar", un chamamento apoiado por todos os participantes no foro, "no actual proceso de hibridación da comunicación as pantallas convertéronse nun recurso importante, porén o libro impreso continúa sendo garante do acceso á educación e á cultura, ademais dun elemento fundamental da economía da nosa cultura".
En diversas intervencións no foro púxose de manifesto que a esta altura da hibridación a cultura dixital nin pode nin debe substituír á impresa. Os produtos impresos e dixitais deben convivir no mercado de distribución cultural, asumindo que este é un proceso de mudanza, polo tanto caracterizado pola incerteza e a fraxilidade, onde vai ser tan necesaria a intensa visibilización social do libro e dos produtos impresos coma unha ampla alfabetización informacional cidadá dirixida a todos os sectores xeracionais. En ambos os dous casos será esencial o papel das políticas públicas de lectura sexan as desenvolvidos no sistema educativo e na rede bibliotecaria pública coma as dirixidas ao sector empresarial do libro, garantindo así a equidade, pluralidade e permanencia no acceso de toda a cidadanía aos produtos culturais impresos e dixitais. Evitaríanse así ás situacións de exclusión dixital e a desaparición en Galicia do sector empresarial do libro e do produto gráfico que, a pesar dunha perda brutal do 40% do emprego nos últimos cinco anos, mantén milleiros de postos de traballos cualificados.
Xaora, unha das maiores preocupacións nas intervencións dos participantes do foro foi a relativa a como afectará o proceso de hibridación no eido do libro de texto, unha actividade que en Galicia supón case a metade dos exemplares fabricados e da facturación do sector. É un feito indiscutible, madia leva!, que ningún dos profesionais do sector do libro educativo puxo en cuestión a necesidade de utilización nas aulas de recursos (encerados dixitais, computadoras, taboíñas ou e-readers) e contidos de aprendizaxe dixitais nin da existencia de entornos virtuais de aprendizaxe nin da importancia do desenvolvemento da competencia dixital con carácter transversal en todas as etapas e áreas educativas. Os editores son conscientes da súa utilidade e da axuda que achegan ao profesorado e alumnado no traballo de aula.
Outra cousa ben diferente é a pretensión do actual Goberno Galego de experimentar un plan de educación dixital completa, no que se prescinde dos libros impresos, anunciado para o vindeiro curso escolar con alardes preelectorais polo presidente da Xunta de Galicia. Un modelo didáctico sen libros impresos, que obrigará ao alumnado de quinto de primaria a utilizar durante toda a xornada escolar un ultraportátil cunha pantalla de 10´1 pulgadas e ao profesorado un contido dixital redistribuído e aloxado nos servidores do seu centro. Un modelo sen precedentes en sistema educativo ningún do noso entorno, baseado na falacia de identificar a innovación e calidade educativas coa utilización exclusiva das tecnoloxías dixitais (e do inglés como lingua vehicular).
Mais por moito que o Goberno Galego pretenda intervir no eido dos materiais curriculares, cuxa elección é unha competencia do profesorado ao abeiro da súa liberdade de cátedra, os recursos didácticos dixitais nin son máis económicos ca os impresos nin da noite para a mañán van contar con idéntica calidade, diversidade e axeitamento ao currículum propio nin o seu emprego vai supoñer a redución das taxas de fracaso e abandono. A este teor -preguntábase Rosa Aneiros no seu chamamento- se sería posible amar a lectura, se os libros impresos fican ausentes da nosa aprendizaxe escolar? Seremos os galegos os que atopemos a chave das noces da educación híbrida actual sendo os primeiros en expulsar os libros impresos das nosas aulas e escolas, cando sistemas educativos moito máis eficientes e inclusivos ca o noso, como é o caso do de Finlandia, manteñen na hibridación a preeminencia dos recursos didácticos impresos? Non merecería isto un trasacordo?
bretemas@gmail.com
- La Xunta acomete el mayor movimiento de personal de su historia: 3.200 empleados públicos cambian de puesto, el 12 por ciento de toda la plantilla
- El ourensano Juan Bouzo, que cumple 104 años, sigue tomando su vaso de vino al día «porque le da fuerza»
- Stellantis Vigo inicia la producción de las primeras furgonetas K9 de tipo 'low cost'
- Toxo vuelve a necesitar ayuda: un ictus deja secuelas en el perro que hace un año acogió una familia de Moaña
- La Xunta da luz verde ambiental al desarrollo de los terrenos de GEA en Ramón Nieto para levantar hasta 950 viviendas en Vigo
- Un barco de la viguesa Opnapa recaptura un atún patudo marcado por los científicos hace casi diez años
- Más de 35.000 trabajadores del textil y del calzado convocados a una jornada de huelga para defender sus derechos
- Un festival de cometas gigantes colorea este sábado la espectacular playa de Foz do Arelho, en Portugal