En xaneiro de 1943, metidos de cheo na Segunda Guerra Mundial, o servicio secreto británico, o coñecido como MI5, tiña que argallar unha falsa explosión nunha falsa fábrica de armas para darlle credibilidade a un dobre axente, un antigo ladrón de caixas fortes chamado Eddie Chapman, que os alemáns chamaban Fritz, e os británicos, máis axeitadamente, Zigzag. A maiores de montar uns efectos especiais, os equipos do MI5 precisaban difundir unha noticia de prensa, tan ambigua como falsa, sobre unha "incidencia" -como lle chaman agora ás desfeitas- nunha factoría. Así que falaron co editor de The Times, Robert McGowan Barrington-Ward, para que colaborara. - resultou que non. The Times sería todo o conservador que se queira e Barrington-Ward un patriota redondo (de feito fora condecorado na Gran Guerra), pero o periódico non publicaría conscientemente unha noticia falsa. Afortunadamente para o futuro profesional de Fritz/Zigzag, outro si se mostrou disposto -The Daily Express-, aínda que soamente na edición internacional, que foi a que chegou a mans da Abwehr, o servicio de intelixencia alemá.

Esta historia de hai 80 anos vén a conto doutra que pasou hai 10. Daquela, unhas explosións de verdade acabaron coa vida de 192 veciños de Madrid. Daquela, as autoridades, servicio secreto incluído, non sabían moito sobre que pasara, pero o que ían sabendo era que os autores non foran precisamente os sospeitosos habituais. Sen embargo, o presidente do Goberno, José María Aznar, foi chamando por teléfono aos directores de todos os medios de comunicación para confiarlles a súa convicción, ou que tiña as probas pero non as podía expoñer para non dar ao traste coa investigación ou o que fose: en definitiva, comprometeu a súa palabra e o seu prestixio como presidente do Goberno de España (cousa que a el lle debería importar bastante) para dicir que fora ETA.

Non soamente chamou aos directores, chamou a intelectuais e líderes de opinión para que difundisen a súa crenza como se fose dogma de proba policial. - ninguén en medio ningún lle dixo que non, nin lle pediu probas. Por unha parte, para que?, se xa non as deu meses antes cando dixo aos telespectadores de media España que había que crelo cando aseguraba que Sadam Hussein tiña armas de destrución masiva. - por outra, había que escoller outra vez entre o Estado e o terrorismo, sen equidistancias e sen matices, e máis nunha circunstancia terrible coma aquela.

O malo é que o que estaba en xogo non era unha guerra, como hai 80 anos, cando Barrington-Ward se negou a respaldar informativamente unha falsa explosión. Eran unhas eleccións que, segundo el aseguraba, estaban cantadas, e ás que nin siquera se presentaba el, e para as que ben se coidou de escoller un candidato para que o botaran de menos a el. En calquera sociedade decente, ese tipo de accións debería estar tipificado penalmente como delito de uso indebido e desprestixio de cargo. Exactamente o mesmo que se o ministro de Facenda ou Economía anda tirando de móbil para dar sopros, verdadeiros ou falsos, de que van promover fiscalmente as enerxías renovables ou os saltos de auga.

Eu non digo que sexa pola conduta de Barrington-Ward, pero The Times debe ser dos poucos xornais do mundo que está subindo a tirada.