Ábrese o pano da estrada da Vida e zoa, todo toleirón, o irisado vento de Elsinor. Trae malas novas ao corazón do país dos mil ríos. Francisco Pillado Maior, un dos intelectuais máis sobranceiros (léase, fundamentais) da cultura galega contemporánea, abandoa -tras vintedous anos de loita, re(existencia), esperanza, liberdade, de maxia tamén,- Edicións Laiovento.

O neno que ficou ferido para sempre pola beleza lorquiana, "por el cielo va la luna con un niño de la mano". O home que gusta de recuncar, unha e outra vez, nos clásicos. Que non acredita nas emocións "prefabricadas", nin nas bombas intelixentes, nin nos bombardeos humanitarios. O melómano que gusta do "divino" Beethoven. O intelectual que sempre optou por "Popularizar o Elitismo" e por combater a vulgaridade. O humanista que lembra que "debemos ser realistas e pedir o imposible". O home que sempre subliña que o seu principal patrimonio é a súa paisaxe sentimental e afectiva.

En definitiva, unha das mentes máis lúcidas do país. Toda unha sinfonía vital, ética e estética en perfecta harmonía. Sensible e brillante, erudito e sinxelo, exquisitamente educado e valente(mente) crítico, deixa a dirección de Laiovento. - Galicia, como no poema de Díaz Castro, dá un (infindo) paso atrás.

De Pancho Pillado aprendemos -logo de moitas horas de conversas No Pazo de Laiovento-, que non podemos, nin debemos renunciar á utopía, aínda que esta sexa (por definición) inalcanzable. Que o segredo da existencia non está no horizonte (léase meta) senón no sentido e norte do noso camiñar na estrada da Vida.

Por todo isto (como teño dito en repetidas ocasións), os versos de Roberto Blanco Torres, "Loitador, non te deteñas!/levas a verdade no peito!/ e a Estrela que te guía/ ten resplandores eternos!/ foron ensoñados pensando en homes coma el.

*Xosé Luna é escritor e mestre veciño da Estrada.