Escribía este cronista o pasado sábado, día 2 do mes que habitamos, arredor da certidume de formar parte dunha xeración -dunhas xeracións- tan decididamente seareira da democracia que incluso chegamos a aceptar a vixente forma monárquica como moeda de cambio válida na procura dun territorio no cal atoparmos unha superficie ao sol, definitivamente lonxe dos medos e das longas noites de pedra. Formulado de xeito moito menos solemne: "Vale; admitimos pulpo como animal de compañía."

Pois ben; xustamente nesa mesma arela, por idéntico motivo, é onde se vén encadrar a inesgotable paixón europea que a todos nos envolveu e/ou envolve. Europa como poderoso antídoto, daquela, capaz de arrebolar de vez e cara ao espazo exterior os "alien" que amedrentaran os nosos soños: autoritarismo, salas de bandeiras en perpetua conspiración, aulas reaccionarias, relixiosidades abafantes, negación do dereito á diferenza... Europa ciencia, artes e literatura; Europa ágora de personalidades libres, santuario da xustiza... Tanto consideramos tal, que incluso demos por válidas pexas e trabas, todos os impedimentos, as cento e unha renuncias ás que fomos obrigados antes de acceder á mesa dos mellores. Máis aló do exercicio racional, proclamamos que, malía o sangue, a suor e mais as bágoas, si que pagaba a pena: Europa primavera feliz, Europa dedidicamente súper, mega guay! Osos, lobos e cervos como animais de compañía? Vale; e por que non?

aí continuamos aínda. Mellor dito: aí continúan miles -talvez millóns- de concidadáns que, ao despertaren cada mañá, consideran que aquilo que viviron no día de onte non puido ser realmente verdade; antes ben, ha de tratarse dun pesadelo; xa que logo, abonda cunha ducha e roupa limpa para esvaermos todas as tebras... En fin; certamente, dito/escrito está que a fe move montañas. Agora ben; o que acontece con certas xentes e Europa; mellor dito: o que acontece con certas xentes e esta Europa na que estamos a morar vai, desde logo, moito máis aló: espállase para alén non só de calquera exercicio racional, senón aínda desa mesma fe á que vimos de aludir. En fin, entramos no terreo da máis inútil e anquilosante superstición. - é que logo de -cantas van?- reunións e xuntanzas, encontros ao máis alto nivel, (supostos) acordos, conferencias, foros...; despois da caída de gobernos; tras do fracaso estrepitoso da tecnocracia; máis aló de economías rescatadas ou en vía de tal... de veras semella incríbel que esa especie de neo-fascismo financeiro que nos esmaga aínda atope o aplauso: e non o aplauso dos seus acólitos, senón aínda por parte de moitos daqueles que, paradoxalmente, ocupan rúas, cercan parlamentos. Daquela, "concorda Vde. que é chegado o momento de abandonarmos o euro e retornar ás modeas nacionais?" "Home; outra tipo de política, si; pero abandonar o euro...; iso non, por favor!"

Como loitarmos contra semellante fetichismo? De veras que non restan xa persoas co suficiente sentido común -e a cousa excede a dualidade esquerda/dereita- para entenderen de vez o que realmente acontece e, desde aí, proclamar alto e forte que: a) é falso que non haxa vida fóra da moeda única; b) é certo que un retorno ás vellas pesetas non constitúe -oxalá!-, ningunha sorte de panacea, pero si unha extrema necesidade, o derradeiro paracaídas que nos queda xa antes de esnaquizarnos en pedazos no final desta alucinante caída libre? É que nin tan sequera somos capaces de atender aquilo mesmo que atenden non precisamente "perroflautas", e/ou "antisisema" -polo visto, todos acabaremos sendo antisistema a este paso- senón expertos, catedráticos universitarios, economistas de prestixio, premios Nobel...? Alguén pode acreditar a estas alturas no conto repetido, e absolutamente mentireiro, dos "brotes verdes"? Non se decatan Vdes. de cada tras cada anuncio de recuperación, o único que nos agarda vén ser un novo, e máis escuro, túnel?

Erguémonos cada mañá coa ilusión de que todo fose un simple mal soño, unha fantasma inofensiva. Infelizmente, e como no célebre microrrelato de Agusto Monterroso acontece que "cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí." Pulpo? Vale, de acordo; Osos, lobos e mais cervos? En fin, se non hai máis remedio... - dinosaurio? Estamos dispostos a aceptar igualmente dinosaurio como animal de compañía?