17 de diciembre de 2012
17.12.2012
Campo de Granada

No centro do mundo

Manuel Bragado

17.12.2012 | 08:29

Na presentación de "Fútbol es fútbol" (Xerais 2012) en Santiago de Compostela, Fernando Vázquez gabou o extraordinario humor co que está escrito o libro de Jacobo Buceta, ademais de insistir en que lle parecía insostible a actual estrutura dunha competición baseada na confrontación entre dous clubes, que reciben a maior parte dos cartos e atención das televisións, considerando ao resto dos equipos como meros comparsas ou figurantes. O seleccionador galego de fútbol -non esquezamos, tamén o adestrador do Celta que gañou dúas tempadas seguidas no Bernabeu- expresaba coa súa sutileza que era posible outra ollada do fútbol profesional en España, sen necesidade de centrar o foco na liorta entre madridistas e culés, semellante a desmitificadora que realiza no seu libro Jacobo Buceta.

No mesmo acto de presentación, o xornalista Xosé Hermida iniciou a súa intervención lembrando as palabras de Albert Camus, o escritor francés que xogara de porteiro, "todo o que sei con maior certeza sobre a moral e as obrigas dos seres humanos débollo ao fútbol". Hermida enxalzou despois o divertido "das historias deste animalario de xentes que pululan polo fútbol actual, clasificadas por arquetipos", ademais de agradecer que o libro estivese escrito dende Galicia, "evitando o espectáculo grotesco e cansino da eterna liorta entre Real Madrid e Barcelona, unha comedia interpretada sempre por persoas interpostas". Vázquez, Hermida e Buceta insistiron, pois, na necesidade dunha nova ollada distanciada do relato centralista, máis equilibrada e orixinal, sobre o mundo do fútbol español, xa que hai moita vida e ilusións máis alá dese eixo Madrid-Barcelona.

Vinte e catro horas despois da magnífica presentación compostelá, o colosal partido de copa do Celta en Balaídos demostrou sobre a lameira o acertado das palabras dos tres oradores. Os de Herrera gañaron con claridade meridiana un partido no que foron moi superiores tanto na utilización das estratexias do xogo coma na intensidade da súa posta en práctica. Conducidos polo rigor excepcional no manexo dos tempos do seu capitán Borja Oubiña, os celestes foron capaces de reducir a arrogancia das figuriñas madridistas até transformalas en monecos caprichosos incapaces de entender o que lles estaba sucedendo. Os celestes reescribiron coas súas biqueiras o argumento de David contra Goliat, un dos relatos fundacionais da humanidade, o do asalto á fortaleza por parte de heroes humildes. Un argumento seguido en Balaídos con tanta verosimilitude, ao que nin sequera lle faltou o imprescindible elemento da fatalidade que supuxo o gol merengue nos minutos finais, un feito que deixa o castelo madridista menos ameazado e obrigará a un maior esforzo dos nosos no novo Chamartín.

Porén, semellante proeza futbolística galega foi considerada por algún medio da caverna mediática madrileña como unha manifestación "de paletismo de ardor nacionalista do Celta de Vigo, que nunca se repite contra o Barça, que é outro tipo de independentismo", ademais da "típica patada ao destino desta nación sometida aos rexionalismos que á levaron á ruína, en plena época da globalización". Semellantes barbaridades evidencian que para persoas como o seu autor, o xornalista Julián Ruiz, esta traballadísima vitoria celeste non ten cabida posible no seu relato único, onde equipos e afeccións "tan simpáticas" coma a celeste están apenas para baixar os brazos, deixarse golear, facer o corredor aos campións brancos e aplaudir abraiadas e "agradecidas" as carreiras e caneos de Cristiano e outras figuras fichadas pola "xenerosidade ilimitada" de Florentino. Un noxento relato reaccionario e fanático que oculta o brutal endebedamento do clube dos seus amores (tamén coa Facenda Pública), mais tamén os continuos privilexios horarios e "outras axudas" recibidas ao longo das competicións. Un relato deportivo centralista que admite modulacións aparentemente menos ferintes, como a da transmisión deste partido en Canal +, onde os locutores descoñecían os nomes dos nosos xogadores e confundían os dos estadios e cidades galegas, expresión simbólica de que para eles máis alá da capital todo semella terra conquistada.

Oubiña, Mallo, Aspas, Bermejo, Sergio, Krohn Delhi, Bustos e o resto de heroes celestes demostraron o mércores o seu protagonismo, evidenciaron que o Celta non é comparsa de ninguén e que Balaídos volveu ser o centro do mundo onde competir con dignidade cos rivais mais difíciles. Abondou confíar nas propias posibilidades e dosificar con intelixencia o esforzo que requiríu activalas. Como o apoio entusiasta que os xogadores recibiron demostra que o Celta é un patrimonio afectivo e identitario de todos e todas, por riba de calquera diferenza, sexa política ou xeracional, ou a pesar de calquera distancia física ou virtual. Ala Celta!

bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook