29 de octubre de 2012
29.10.2012
Campo de Granada

Ao fío das autonómicas en Vigo

Manuel Bragado

30.10.2012 | 07:40

Ninguén pon en dúbida a amplitude da vitoria do Partido Popular de Galicia nas Autonómicas do 21 de outubro. A diferenza da convocatoria anterior obtivo a maioría absoluta tanto de escanos (mesmo aumentando en tres actas) como de votos (quince mil máis que as tres forzas da oposición parlamentaria). No entanto, o éxito do partido de Alberto Núñez Feijóo non pode agochar nin a perda de 135.000 votos con respecto ás eleccións de 2009 (un descenso do 17%) como o seu retroceso na maioría das cidades nas que a pesar de gobernar nalgunhas con maioría absoluta, coa excepción de Lugo e Ferrol, empeora os seus resultados. De podérense extrapolar a unhas eleccións municipais, o que sempre é moi arriscado, os seus resultados dificilmente lle permitirían contar coa alcaldía nalgunha delas, quizais coa única excepción de Lugo.

Especial relevancia ten o fracaso dos populares en Vigo, a maior cidade de Galicia, onde o partido presidido por José Manuel Figueroa perde 17.000 votos, o que supón unha diminución do 25% con respecto á pasada convocatoria. O PP vigués obtén co 34,21%, un dos resultados máis baixos da súa historia e a peor porcentaxe do partido de Feijóo nas sete cidades, catro puntos menos ca en Pontevedra e Ourense, as dúas cun resultado máis aproximado. Fracaso compartido pola agrupación viguesa do PSdeG-PSOE liderada polo alcalde Abel Caballero que perde máis de 16.000 votos, o que supón unha baixa do 31,15%, a pesar de que co seu 24,51% foi a cidade na que o partido de Pachi Vázquez obtivo o seu mellor resultado. Outrosí sucede co BNG do que en Vigo é responsable Santiago Domínguez que perde máis de 13.000 votos, unha diminución do 49% dos seus apoios con respecto a 2009, sendo co 9,70% a cidade, xunto con Pontevedra, onde mellor porcentaxe obtivo. É dicir, en Vigo o PP perdeu un de cada catro dos seus votantes anteriores; o PSdeG-PSOE, un de cada tres; e o BNG un de cada dous.

Perdas que evidencian o fracaso sen excepcións das tres forzas políticas con representación actual na casa do concello do Campo de Granada, ao que probablemente non foi allea a irrupción fulgurante da AGE, a coalición formada por Anova e Esquerda Unida. Os seus 28.441 votos en Vigo, un 19,48%, multiplican por dez os obtidos nas autonómicas anteriores por Esquerda Unida, situando á coalición de Xosé Manuel Beiras e Iolanda Díaz da noite para a mañán como terceira forza política viguesa, apenas a sete mil votos do PSdeG-PSOE e duplicando os obtidos polo BNG. Resultados que permiten ao conxunto da esquerda e do nacionalismo en Vigo acadar un 53,69%, unha porcentaxe moi significativa que sinala o sentir dunha maioría social que non apoia a proposta triunfadora no conxunto do país galego.

Non desboto que estes resultados poidan explicarse dende unha certa clave de política local viguesa. Quizais non foi alleo ao fraco resultado do Partido Popular a súa torpeza no que respecta á imposición da Lei da Área Metropolitana de Vigo, o fracaso do proceso de fusión da caixas ou o bloqueo obsesivo da Xunta e da Deputación de Louzán dos investimentos na cidade. Como creo que non beneficiou ao Partido Socialista o espírito de localismo a ultranza da dirección da actual agrupación viguesa. Como tampouco resultou moi exitosa a política do BNG de apoiar a Alcaldía de Caballero, sen comprometerse no labor de goberno. No entanto, creo que foi moito máis decisivo para a conformación dos resultados, o incremento da abstención nun 5% e dos votos nulos en case un 2%, cifras que amosan o malestar, a fatiga ou o desinterese de parte da cidadanía coas propostas políticas que até agora gozaban de representación institucional. Como en idéntica liña pode explicarse o entusiasmo sucitado en Vigo pola AGE, capaz de recoller boa parte das perdas tanto do PSdeG-PSOE como do BNG, co seu discurso político rexeneracionista e de defensa das conquistas da sociedade do benestar e dos servizos públicos.

Estes resultados do 21-O abren unha nova etapa política. Tamén en Vigo. A pesar de que a maioría social de esquerda semella cómoda, os dous partidos que sosteñen a Alcaldía deberán, antes das vindeiras municipais, acometer senllas e complexas refundacións dos seus proxectos políticos, un proceso non exento de riscos, do que as súas organizacións viguesas non poden permanecer alleas. Como tampouco vai ser doado para os membros da AGE, sen dúbida hoxe os triunfadores en Vigo, dotarse dunha estrutura organizativa estable, dunha proposta programática verosímil e dun liderado que faciliten a súa entrada na corporación. Mentres, o PP vigués deberá enfrontarse o seu dilema histórico e preparar unha nova candidatura e liderado local capaces de conectar coa maioría social, algo que non consigue dende que gobernou o alcalde Manuel Pérez. Tempos de incerteza na política viguesa.

bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook