A renovada praza da Princesa engalanouse o pasado sábado cos vimbios da solidariedade na festa “Un Día para a Esperanza” de Intermón Oxfam, unha das nosas máis activas e veteranas oenegués, centrada esta edición en solicitarlle á presidencia española da Unión Europea un compromiso efectivo na loita contra a pobreza e na erradicación da fame. Entre os diversos postos e obradoiros de actividades dirixidos aos máis novos, impactaba un mapamundi de grandes dimensións no que a organización presentaba sobre a proxección de Peters as características dos seus programas e proxectos de desenvolvemento, acción humanitaria, emerxencias e comercio xusto en corenta e oito países. Alén da relevancia que tiña a información alí recollida, chamaba poderosamente a atención a fasquía do propio mapa, ben diferente da proxección cilíndrica de Mercator na que todos fomos educados.

Calculada polo cartógrafo Gerhard Kremer e utilizada dende hai case cinco séculos para representar o planeta, a de Mercator ten un poderoso carácter eurocéntrico, constituíndo unha expresión da idea de Europa como centro de pensamento e acción no mundo. Fronte a esta proxección eurocentrista, estoutra alternativa de Gall-Peters, elaborada en 1855 polo escocés James Gall e popularizada dende 1974 polo publicista Arno Peters, ofrece unha ollada diferente do planeta pretendendo corrixir algunhas das máis importantes distorsións do mapamundi de Kremer. Mentres na primeira o Ecuador non aparece no centro, dedicando os dous terzos do espazo á representación do hemisferio norte e só un terzo ao sur, na de Peters sitúase no centro dando así idéntica importancia aos países situados nun ou noutro hemisferio. Mentres na proxección do mapamundi de Mercator Europa (9,7 km2) aparece maior ca América de Sur (17,8 km2), ou os países da antiga Unión Soviética (22,4 km2) maiores ca todo o continente africano (30 km2), ou mesmo Grenlandia (2,1 km2) ca propia China (9,5 km2), a de Peters ofrece unha proxección moito máis equilibrada do tamaño de cada un dos continentes.

Máis alá do debate entre os xeógrafos sobre a fiabilidade dunha ou doutra ollada, é un feito que a ONU e as ONGs apostaron polo emprego da proxección de Peters na medida que, polo menos, achega unha visión máis axustada dun mundo que, a pesar dos importantes avances das tecnoloxías, continúa esgazado entre un primeiro mundo opulento (no que existen cada vez maior número de bolsas de excluídos) e outro que se desangra na pobreza, unha doenza agravada pola primeira crise financeira e económica da globalización e polos efectos do cambio climático. A este teor, os datos son alarmantes: 1.400 millóns de persoas malviven coa renda de 1 euro ao día, sendo mulleres e nenas as tres quintas partes destas persoas máis pobres do mundo; a FAO advirte que son 1.000 millóns as persoas que pasan fame no mundo, mentres que o 17% da poboación mundial consome o 80% dos recursos do planeta. Un escándalo.

A crise económica, alimentaria e climática que sofre actualmente o planeta obriga a achegar dende Europa outra ollada, máis axustada, solidaria e comprometida, como a proporcionada sobre o papel polo mapa de Peters. Ben sabemos que a pobreza que se vive no planeta non é atribuíble á insuficiencia de recursos, senón tanto ao reparto profundamente inxusto da riqueza existente -sexan os recursos naturais (a terra, a auga e a enerxía) ou o regulamento da actividade comercial entre os diversos estados- como á indiferencia da propia comunidade internacional cara aos países que sofren carencias extremas. Velaí o exemplo de Haití, o país máis pobre de América, cuxa situación conmociona á opinión pública occidental só tras o terrible terremoto. Eis o caso de Níxer, o país máis pobre de África, que agora descubrimos tras as terribles fames provocadas pola sequía.

A pobreza é a inxustiza. A pobreza é hoxe a demostración máis contundente que hai unha parte da humanidade sometida a unha traumática situación de inferioridade diante da que non podemos permanecer durante máis tempo inanes e indiferentes. Podemos e debemos esixir aos gobernos da Unión Europea que reaccionen e loiten de verdade contra a pobreza, impulsando un plan de rescate dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, con medidas concretas para chegar ao 0,7%, erradicar a fame e lograr o acceso á saúde e a educación para todo o mundo. No contexto da construción dun movemento cidadán global, debemos e podemos esixir das grandes empresas e corporacións multinacionais un respecto estrito aos dereitos humanos en todos os países, con especial fincapé nos dereitos das mulleres, así como a súa implicación nos programas de acción humanitaria e desenvolvemento. É posible reaccionar diante da pobreza e a inxustiza, velaí reside a nosa esperanza.

bretemas@gmail.com