Tras dous anos de ser acordada polo Goberno Local de Vigo, felizmente comezou estes días a retirada das “listas de caídos por la patria” que se conservaban sobre os muros de case unha ducia de igrexas viguesas. A pesar de transcorridos xa máis trinta anos da restauración monárquica constitucional, esas inscripcións franquistas mantíñanse de forma incomprensible como testemuña exaltada dos vencedores e dos seus case corenta anos de ditadura e feroz represión. Unha evidente anormalidade democrática, reconducida pola Lei 52/2007 da Memoria Histórica que no seu artigo 15 establece que corresponde ás diversas Administracións Públicas retirar escudos, placas, insignias e outros obxectos ou mencións conmemorativas da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura. Medidas xustas e oportunas, que deberan contar co apoio incondicional de todos os demócratas, encamiñadas a suprimir os elementos de división entre os cidadáns e -como sinala a propia lei- “a fomentar a cohesión e solidariedade entre as diversas xeracións en torno aos principios, valores e liberdades constitucionais”.

En Vigo, grazas á determinación daquela primeira Corporación Democrática de 1979, presidida por Manuel Soto Ferreiro, axiña desapareceron do rueiro as denominacións franquistas, recuperando as nosas rúas e avenidas o seu nome tradicional durante a Segunda República, a maior parte deles inicioseculares do XX ou finiseculares do XIX, ou noutros casos bautizándoas cos nomes populares ou cos de persoas pertencentes a un patrimonio histórico indiscutible. Así en 1980, o pleno acordou chamar Rosalía de Castro á prolongación de Marqués de Valladares e Castelao ao tramo da avenida de Coia que comezaba na praza de América e chegaba a Tomás Paredes. Velaí como aquel pleno histórico de 30 de abril de 1981 borrou a maior parte dos nomes franquistas do noso rueiro, recuperando os de Porta do Sol, Urzaiz, Pi e Margall, Elduayen, Areal ou Progreso. Outrosí sucedeu, no do 29 de setembro dese ano que recuperou os nomes de Real e Cesteiros, para dúas das rúas emblemáticas do Casco Vello, onde se establecía, ademais, a denominación de Praza da Pedra. Un proceso de democratización do rueiro, desenvolvido ao longo das tres corporacións presididas por Manuel Soto, que, nalgúns casos, contribuíu a pechar moitas feridas da memoria e, noutros, a reparar algunhas tremendas inxustizas. Velaí como entraron no rueiro os nomes de mártires como Heraclio Botana, García Lorca ou Enrique Blein Budiño.

A pesar do alboral e modélico do proceso vigués de retirada dos símbolos franquistas -ben diferente ao doutras cidades da Coruña, onde até non moito tempo pervivían no rueiro algúns nomes incompatibles co espírito constitucional-, houbo que agardar o impulso da Lei de Memoria Histórica de 2007 para poder retirar as inscripcións existentes nas igrexas, algunhas tan significativos como os listados da Colexiata ou Santiago de Vigo, tan ameazadores cada vez que pasabamos diante deles. Primeiro o acordo do Goberno Local, logo o acadado polo alcalde Caballero co bispo José Diéguez, e, por último, a autorización da Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta de Galicia para retirar as inscripcións e placas de mármore levarán a normalizar unha situación oprobiosa para a convivencia de toda a cidadanía. Proceso que debería ser emulado por outros concellos da comarca nosa onde se manteñen este tipo de inscripcións.

Outro caso son os símbolos franquistas que se conservaban en espazos públicos vigueses. Afortunadamente, tras moitos ires e vires, o horrible monolito que en Cíes lembraba ao caudillo foi demolido en 2008 polo Ministerio de Medio Ambiente. Os escudos franquistas da aguia foron substituídos da fachada principal do edificio municipal do Areal, cando Corina Porro convertiuno en sede da alcaldía, ou ocultados na Casa das Artes (antigo edificio do Banco de España, onde aínda aparece gravada na fachada a lenda: “Año de la Victoria. Anno Dómini MCMXXXIX”). No entanto, ademais das plaquiñas existentes nalgunhas das chamadas “Vivendas sindicais”, mantense en pé como derradeiro símbolo da Ditadura en Vigo a chamada “Cruz do Castro”, un monumento carente de valor artístico e innegable connotación coa sublevación militar, que tanto polas súas dimensións, pola súa ubicación estratéxica (fronte por fronte coa Casa do concello), polo seu carácter confesional, como polos perigos que pode provocar a súa precaria conservación nunha zona de lecer moi frecuentada por miúdos debería ser retirado como dende hai varios anos solicita a Asociación Viguesa pola memoria do 36. Remataría así, un proceso iniciado hai trinta anos e dirixido a restaurar a convivencia e os principios, valores e liberdades constitucionais.

bretemas@gmail.com