22 de febrero de 2010
22.02.2010
Campo de Granada

Suso de Vaamonde

Manuel Bragado

22.02.2010 | 07:30

Hai dez anos que na mañanciña fría do 16 febreiro morría no sanatorio de Fátima o cantor Suso Vaamonde, a voz galega máis popular da xeración da "canción protesta". Transcorrida unha década do pasamento do fillo de Regodobargo –a pequena aldea de Pontecaldelas, ao pé do río Oitavén, onde naceu no mes de nadal de 1950 e onde foron esparexidas a súas cinzas– moitas das súas cancións permanecen moi vivas na memoria e no repertorio sentimental de milleiros de galegos e, porén, o seu compromiso inquebrantable e súa achega voluntariosa á conformación da actual civilidade galega non recibiron aínda o recoñecemento institucional que, sen dúbida, merecerían.
Suso, como tantos mozos do movemento "ye-yé", durante os seus anos de estudante no colexio dos Xesuitas, comezou na música formando parte dalgúns grupos roqueiriños vigueses, como Os Copens e Marco Valorento, formación coa que se deu a coñecer na Asociación Cultural de Vigo e coa que obtivo o seu primeiro premio outorgado por unha emisora local. Despois incorporouse da man de Xerardo Moscoso xa a Voces Ceibes, aquel grupo de mozos que a finais dos anos sesenta comezou a reivindicación da lingua e das liberdades negadas dende o eido da música popular. Dende aquela e durante tres décadas, Suso Vaamonde, asumindo a incomodidade do seu difícil posicionamento político persoal, tan rebelde coma independente, desenvolveu un proxecto musical de reivindicación amorosa "dunha terra, dun pobo e dunha fala", recollendo o retrouso da inesquecible canción de Saraibas.
A pesar da súa voz potente e moi persoal, a pesar do seu xeneroso entusiasmo musical, a pesar dos seus centos e centos de recitais, a maior parte reivindicativos e cívicos, Suso Vaamonde non pasará á historia da música galega polo seu virtuosismo coma intérprete. A súa contribución foi outra, a indispensable do pioneiro, a daquel que foi abrindo camiño enfrontándose a todos os perigos do descoñecido, tentando abrir públicos novos e diferentes para a música en galego. Nesa pelexa, o labor de Vaamonde foi hercúleo, dende aquela primeira casette de 1973, "Loitando" (hoxe unha das pezas máis procuradas da discografía galega), gravada na clandestinidade, na que a súa voz, acompañada dun toque básico de guitarra, debullaba poemas do seu amado Celso Emilio Ferreiro (a quen lle dedicaría moitos temas e un disco completo en 1980), Darío Xohán Cabana ou Manuel Álvarez Torneiro. Iniciaba así un vieiro moi fértil, que nunca abandonaría, de vencellar a poesía galega coa música. As súas cancións popularizaron, moitas veces visibilizaron con eficacia, poemas de Rosalía de Castro, Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Roberto Blanco Torres, Xosé María Álvarez Blázquez, Amado Carballo, Aquilino Iglesia Alvariño, Uxío Novoneyra, Luís Pimentel, Dora e Pura Vázquez?
Labor divulgador especialmente importante no eido da poesía e música infantil, onde as achegas alborais de Vaamonde continúan sendo de absoluta referencia. Un camiño que iniciou en 1978 coa publicación dun dobre elepé no que poñía música a vinte e cinco textos do poemario de Manuel María "Os soños na gaiola". Traballo recoñecido co premio ao "Disco infantil do ano", outorgado polo Ministerio de Cultura, que tería a súa continuidade en 1986 con "Cantarolas para xente miúda", no que musicaba quince poemas de Xosé Neira Vilas, e en 1997 con "Rapazas, rapaces e rapazadas", onde compilou vinte e cinco cancións infantís populares e de poetas galegos.
Suso Vaamonde fixo outra achega non menos decisiva, a de abrir vieiros para o fenómeno da canción urbana, popular e tabernaria. Coordinou proxectos como "Doce ducias", nos que se recompilaba cancións populares galegas en discos inesquecibles como "Apaga o candil" ou "Vai de roda en roda". Impulsou a creación de grupos como A Roda, no que ten participación moi destacada o seu irmán Luís. Mais e, sobre todo, creou algunhas cancións que constitúen os himnos que compartimos varias xeracións, como "O cuco" de Manuel María ou "Volvín á terra pro perdín o amor" de Bernardino Graña, gravadas no seu segundo disco ("Nin rosmar un laído", 1977), ou "Uah!", que xa aparece no primeiro casette e canción pola que malafadamente se convertiría, xunto a Vinader e Boadella, a comezos dos anos oitenta, no primeiro exiliado da democracia española, por mor do proceso polo que foi condenado por "injurias a la patria", un feito que demostrou que Suso nunca deu o brazo a torcer e que, como ten expresado o seu compañeiro Bibiano, preferiu "morrer de pé ca vivir axeonllado".
A luz de Suso Vaamonde continúa acesa. As súas cancións continúan vivas. A súa figura continúa sendo querida, admirada e respectada por galegos e galegas de todas as idades. Ben merece a nosa lembranza saudosa e agradecida.
bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook