Opinión
Un decreto necesario
Anxo M. Lorenzo Suárez - Secretario xeral de Política Lingüística
Desde os anos oitenta, co inicio da autonomía, o modelo lingüístico da educación en Galicia estableceu como obxectivo que todo o alumnado acadase un coñecemento semellante e pleno das dúas linguas oficiais (galego e castelán) e que os centros educativos contribuísen ao mantemento e dignificación da lingua galega. Estes dous obxectivos enmarcábanse no respecto e aplicación da Constitución española, do Estatuto de autonomía de Galicia e da Lei de normalización lingüística, documentos legais que impulsaron a cooficialidade do galego e do castelán, a non discriminación por razón de lingua e a promoción activa da lingua propia de Galicia.
Sen modificar ese modelo de conxunción de linguas, a Xunta de Galicia elaborou e presentoulle á sociedade galega o 30 de decembro pasado as bases para un novo decreto educativo, coa finalidade de poñer os alicerces dun ensino moderno e de calidade axeitado á realidade de saberes, habilidades e coñecementos precisos para a formación do alumnado da Galicia do século XXI. Estas bases están asentadas en tres principios: a aposta por un plurilingüismo efectivo; a garantía de equilibrio entre as linguas oficias; e a potenciación da participación das familias.
En primeiro lugar, a realidade social, cultural e laboral europea lévanos a redefinir os modelos de adquisición das linguas, que capaciten o alumnado no dominio de linguas estranxeiras, e sempre sen descoidar a correcta e plena aprendizaxe das linguas oficiais. Apostamos daquela por un ensino plurilingüe en galego, en castelán e en linguas estranxeiras, principalmente en inglés. Esta era, sen dúbida, unha materia pendente no camiño por nos adaptar ás novas necesidades da cidadanía galega.
En segundo lugar, prevese un equilibrio en todos os niveis educativos na docencia ofertada nas dúas linguas oficiais. Asegúrase unha porcentaxe estable para as linguas en que se imparten as materias en todos os niveis educativos, establecida a través do correspondente equilibrio horario. O ensino en linguas estranxeiras, principalmente en inglés, farase con medidas de carácter progresivo, e nos casos en que non se poida impartir un terzo lectivo en lingua estranxeira, garántese a oferta equilibrada de materias en galego e castelán. Este criterio de equilibrio responde á vontade da maioría das familias, expresada na consulta ás familias realizada o pasado mes de xuño pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, na que se pronunciaron maioritariamente a favor dun ensino nas dúas linguas oficiais, outorgándolle tamén unha relevancia clara ao inglés.
E, en terceiro lugar, as familias terán voz na definición do marco lingüístico dos centros escolares, respondendo a un compromiso de goberno adquirido coa cidadanía. Na primeira escolarización dos fillos, en Educación Infantil, decidirán en que lingua queren que aprendan a falar e a escribir, sempre coa introdución complementaria da outra lingua oficial, e nas etapas posteriores terase en conta a súa opinión sobre a distribución lingüística das materias.
Estes tres piares, que conforman as bases do decreto, consolidaranse nunha redacción final que queremos que se realice desde a busca do maior consenso social e político posible. Terase en conta o pronunciamento das diferentes institucións e forzas sociais para lograr un texto final que sexa garantía da mellor convivencia nas aulas e na sociedade.
Non dubidamos de que este é un decreto necesario. É necesario para abandonar dunha vez o debate suscitado arredor das linguas en Galicia que a gran maioría da sociedade galega xa superou: coñecendo o galego e mais o castelán, usándoos indistintamente en maior ou menor medida na súa vida diaria e considerando a diversidade lingüística e o bilingüismo como unha oportunidade, non como un problema. É necesario porque temos a obriga de garantir a adquisición da competencia plena nas dúas linguas oficiais e o fomento activo da lingua propia. E é necesario porque debemos ser quen de artellar un sistema educativo que favoreza a capacitación en linguas estranxeiras do noso alumnado e que responda ás demandas sociais, culturais e laborais dunha sociedade globalizada e interconectada. E todo isto, non debemos esquecelo, no marco dun ensino de calidade.
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos
- La Comisión Europea denuncia a España por no depurar las aguas residuales: en Galicia pone el foco en seis localidades
- Luz verde al inicio de la revolución para la Praza de España de Vigo: el Concello aprueba la primera licencia del ámbito
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Muere un joven de Soutomaior en una salida de vía en Ponte Caldelas
- Un juez de Vigo da la razón a una vecina y anula una sanción por cambio de uso de trastero a vivienda sin licencia
- El emotivo homenaje de la hija de Toño Castro a su padre, el central del Compos que sigue vivo en la memoria