Este vindeiro Nadal non poderemos mandar a postal da ilusión compartida de todos os galegos que supoñían os partidos dos nosos combinados absolutos de fútbol (masculino e feminino). Á cita da derradeira semana do ano reservada no calendario do fútbol profesional español aos partidos amigables das diversas seleccións autonómicas non concorrerá a nosa irmandiña, un bravo conxunto que descoñece a derrota. Tras catro anos, crébase a continuidade dun fermoso proxecto deportivo apoiado, até agora, de forma unánime e entusiasta por todos os sectores sociais e localidades do país (o que xa non é pouco).

Formalmente a razón desta incomparecencia reside na decisión da Secretaría Xeral para o Deporte, un organismo que depende directamente da Presidencia da Xunta, de "non financiar partidos amigables das seleccións que non sexan para para preparar competicións oficiais", argumento desconcertante xa que como todos ben sabemos ningún dos combinados autonómicos de fútbol profesional participa en competición oficial ningunha. Deste xeito, o actual Goberno Galego, a pesar de ter manifestado no Parlamento que respalda a existencia das seleccións galegas, non financiará á Federación Galega de Fútbol para que organice os tradicionais amigables de Nadal. Porén, tras o eufemismo administrativo de "non financiar partidos non oficiais" agáchase a decisión de Alberto Núñez Feijóo de liquidar á selección que dirixían Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez, identificada polos populares como outro dos sinais de identidade do Bipartito a derrubar (non esquezamos que o actual Secretario Xeral para o Deporte falou das seleccións galegas como un "circo"). A desaparición do noso humilde combinado futbolístico forma parte dunha estratexia política de maior calado, dun traballo concienciudo de rebaixa da identidade do país (de "deconstrución" identitaria) posto en marcha polo goberno conservador dende a súa toma de posesión que afecta tanto a aspectos económicos (concurso eólico, singularmente), medio ambientais (plan de acuicultura) como a educativos e culturais (ataques negacionistas sobre a lingua de todos, desmontaxe de galescolas, liquidación de combinados deportivos).

A verdade é que, como acontece coa promoción da lingua galega, na cuestión da selección de fútbol o Goberno de Núñez Feijóo volveu a pasarse completamente de freada, recuncando nas posicións do fraguismo máis conservador, que sempre se opuxo a existencia das seleccións autonómicas por consideralas "perigosas para a cohesión do Estado". Un prexuízo sen fundamento no político e absurdo no deportivo. Máis aínda, cando o que para os membros do seu partido serve nas comunidades de Murcia ou Valencia, cuxas seleccións desputan partidos amigables sen polémica ningunha, é moi perigoso en Galicia, non sexa que tomemos exemplo e dende as bancadas queiramos ser tan arredistas como murcianos, valencianos, estremeños, cántabros ou navarros que apupan ás cores do seu equipo. Unha posibilidade que se nos nega aos galegos, non vaia ser que outro triunfo da irmandiña contribúa a aumentar o sentimento galeguista da nosa poboación ou reforce a cohesión entre as afeccións celestes e deportivas, que por un día esquecen a súa rivalidade.

Equívocase Feijóo se pensa que liquidando os partidos amigables dun esperanzador combinado de futbolistas –boa parte deles emigrantes (traballan fóra do país, como boa parte dos membros desa xeración de mozos galegos ben formados, entre vinte e trinta anos, aos que non sabemos darlle aquí futuro)– vai apagar xerme identitario ningún, xa que apenas conseguirá roubarnos a ilusión a milleiros e milleiros de seareiros galegos que dende Ribadeo á Guarda acreditamos durante noventa minutos ao ano no soño da existencia dun fútbol de noso. Liquidar a esa irmandiña nunca vencida (dúas vitorias, fronte a Uruguai e Irán, e senllos empates, Ecuador e Camerún, son o noso palmarés) non vai supór nin que deixemos de acreditar na fantasía de pertenza, que sempre supón unha competición futbolística (sexa local ou nacional), nin tampouco esquecer, como ben nos ensina a historia (velaí o libro máis recente de Xosé Ramón Barreiro Fernández, "Historia Social da Guerra da Independencia en Galicia"), que o noso pobo non foi sempre derrotado e vencido.

Co apoio de Feijóo ou a pesar da súa oposición, a Irmandiña ten que volver á lameira. Contar cun conxunto vestido coas cores azul e branca, expresión futbolística daquel estatuto atlántico que propoñía Valle Inclán, axudará a fortalecer os lazos de unión entre os galegos do Norte e do Sur, do interior e da beiramar, entre celtistas e deportivistas, entre vigueses e coruñeses, galegos unidos no imaxinario deste xogo universal de pelota. Iso, só iso, supón a Irmandiña.

bretemas@gmail.com