24 de abril de 2009
24.04.2009
os camiños da vida

"Regionalismo sano y bien entendido"

X.L. Méndez Ferrín

24.04.2009 | 02:00

As citas de autores literarios ou persoas notabres contemporáneas ou do pasado teñen unha enorme importancia para definir o caracter dun discurso dado. No acto de posesión do cargo para que o Parlamento o elexiu, o novo presidente da autonomía galega citou, se non me lembro mal, Alfredo Brañas, Vicente Risco, Ramón Piñeiro, Fernando Pessoa, Rosalía de Castro e Castelao.

Castelao e Rosalía constitúen dúas vivas contradiccións no discurso presidencial. O primeiro porque foi membro da Fronte Popular, do goberno Giral no exilio e porque morreu deostando literalmente os galeguistas que, coma o Ramón Piñeiro do que falaremos, negaban a legalidade republicana e postulaban a restauración borbónica que hoxe rexe. En canto a Rosalía, o seu nome desentoou tamén naquel contexto porque, en termos históricos e políticos, ela estivo na resistencia democrática e progresista ao sistema da I Restauración que por tantas vías e modos se asemella a esta II. Citar Castelao e Rosalía, igual que cantar as verbas de Pondal co Himno Nacional, foi un acto formal de acatamento obrigado. Do cal eu me folgo. Non hai posibel Xunta de Galicia (de momento) sen acatamento, sentido ou hipócrita, á tradición do nacionalismo galego de esquerda.

As restantes cifras foron herdadas da especial empanada ideolóxica de lexitimación galeguista que cociñara Fraga Iribarne. Os asistentes do novo presidente, ou o presidente mesmo, non engadiron ningún ingrediente novo.

Así, no discurso apareceu, de forma principal e con ofrenda floral, Alfredo Brañas. Este autor foi, xunto con López Ferreiro, o único rexionalista católico e de procedencia carlista. Chegou a discutir a bondade do sufraxio universal e foi oposto á idea republicana. Certo, Brañas tiña unha pulsión íntima independentista (así) cando soñaba en verso: "Caste dos celtas/ esperta axiña/ erte do fango/ da escravitú". Pro, deseguida, reprimíase e voltaba ao que Castelao chamou "regionalismo sano y bien entendido": "Os de Castela/ son castelaos,/ os de Galiza/ galegos són/ e, ao sermos todos/ como españois,/ nin eles amos/ nin servos nós". Sempre o independentismo no fondo do armario. Coma Francisco Rodríguez.

Ao mirar tanta xente notabre de Madrid en Compostela calquera podía ver cos seus ollos e decatarse onde estaban os amos e onde os subalternos, pesia ao bon de Alfredo Brañas, tan favorábel ao voto privilexiado dos cregos ben mantidos.

Logo, o presidente citou un Vicente Risco que foi o único membro da Xeración Nós que treizoou o nacionalismo e que morreu como franquista, nacionalcatólico e antixudeo.

A simpatía que Fraga Iribarne sentía pola figura de Ramón Piñeiro, aínda que este fora un antifranquista sen fisuras, debíase a que o filósofo de Láncara en canto lider político: a) foi enticomunista e esixiulle anticomunismo aos seus seguidores; b) creu no MC e nas institucións de Occidente, incluída a OTAN; c) liquidou o Partido Gal Galeguista e tratou, con certo éxito, de acabar coa lexitimidade republicana que o Consello de Galicia, como a Generalitat e o Goberno Vasco, representaba. Tanto é así que Fraga Iribarne, en lugar de recuperar o republicano "Seminario de Estudos Galegos" roubado polo franquismo, creou unha entidade do trinque e púxolle de nome "Instituto R. Piñeiro". Para ramo de remate, e antes de pasar ao alboroque, o novo presidente citou Fernando Pessoa, co que quixo sen dúbida marcar continuísmo coa tendencia pro-portuguesa (co Pacto Ibérico no pano de fondo da Historia) do hoxe tan citado Fraga Iribarne. Non en van Pessoa, autor de Mensagem, foi un salazarista en regra. Todo cadra. "Eu sou de outra condiçao", que cantaría o outro. Felizmente.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine