11 de diciembre de 2008
11.12.2008

¿Por qué se constrúe un tránsfuga?

Ismael Rego González, Portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

11.12.2008 | 01:00

En Mos existe un goberno de coalición, como expresión dunha maioría social, e da capacidade de acordo entre dous partidos. Un goberno con experiencia contrastada e que, grazas á súa boa xestión durante o mandato anterior, conseguiu, nas últimas eleccións municipais, renovar a confianza dos mosenses para catro novos anos.
Desde hai unhas semanas, o Partido Popular dedicouse a trazar un plan para alterar o resultado democrático da vontade expresada polos cidadáns nas urnas. Para isto, necesitaba construír un tránsfuga a partir dun concelleiro. O proceso, rápido e orquestrado, rematou cun edil abandonando a disciplina do seu grupo e asinando, xunto cos concelleiros do PP, unha moción de censura.
O motivo alegado, a presunta falla de estabilidade da coalición de Goberno, resulta insostible cando hai apenas uns meses plasmábase un acordo de Goberno entre as dúas forzas, PSdeG e BNG, que suman a maioría absoluta no Concello; pódese pensar, máis ben, que foi esta expresión de estabilidade a que desencadeou a estratexia popular.
En canto ás causas reais, pouco cómpre dicir, salvo que non merece respecto quen traizoa a confianza que os cidadáns depositaron nel, utilizando o seu cargo para satisfacer intereses persoais espurios.
Si parece importante falar da actuación dos responsables do Partido Popular que están a amparar estas condutas. É impensable que o Presidente provincial do PP, Rafael Louzán, non estea ao tanto dos plans de Nidia Arévalo, posto que a portavoz popular en Mos forma parte de órganos directivos do PPdeG, e depende laboralmente do señor Louzán, de quen é asesora, como cargo de libre designación, na Deputación de Pontevedra.
É impensable, así mesmo, que o Sr. Núñez Feijoo non sexa coñecedor deste auténtico atraco á democracia, que se vén xestando desde hai semanas e que -casualmente- é presentado estando el ausente de Galicia. É de inxenuos pensar que toda esta trama non foi urdida de antemán, e coñecida polos máis altos responsables populares.
Ante semellante ataque aos máis básicos principios e consensos democráticos, non cabe a actitude falsaria de quen autoriza aos seus concelleiros a, pola vía dos feitos consumados, presentar unha moción de censura, por moito que ameace cunha aplicación dos estatutos do seu partido que, como xa sabemos por exemplos anteriores, rematará por perderse nos labirintos burocráticos da súa organización. Non cabe tampouco esta ruptura unilateral do Pacto Antitransfuguismo, asinado polos representantes dos principais partidos democráticos de toda España, e polo Sr. Rajoy en nome dos populares.
O que si cabe é que, de consumarse a moción de censura de Mos, todos os galegos e galegas saberemos para qué tipo políticas, e de persoas, vai a pedir a súa confianza o señor Núñez Feijoo nas próximas eleccións autonómicas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine