23 de noviembre de 2008
23.11.2008

A Panificadora emite un S.O.S.

Manuel Bragado

23.11.2008 | 01:00

A Panificadora é a catedral laica do Vigo do século XX, a icona arquitectónica dunha cidade revolcada que conseguiu facerse, desfacerse e refacerse ao ritmo do seu latexo industrial durante todo un século. Construída entre 1923 e 1930 polo arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, coa intervención no deseño das instalacións fabrís e mecánicas dos enxeñeiros Otto Werner e Jorge Wuchl, a edificación da Panificadora é, xunto á factoría de Bernardo Alfageme (hoxe, tamén, en perigo), da Metalúrxica (só queda a súa fachada) e da Artística, unha das alfaias da arquitectura industrial viguesa do século pasado. Outras pezas patrimoniais industriais, como a fábrica de conservas de Antonio Alonso no Guixar (magnífica mostra do estilo modernista, obra de Jenaro de la Fuente), hoxe xa son só recordo do Vigo que se perdeu, da beleza dunha cidade que destruímos a mantenta, xeración tras xeración, os propios vigueses.
No entanto, non podemos considerar a Panificadora como un edificio máis. A pesar do seu vergonzoso e perigoso estado de ruína, continúa aseñorando o skyline da cidade, como a esvelta ponte dun barco sen bandeira atracado no mesmo Campo de Granada, o noso Campo da Feira. Xeitosamente integrada na paixase urbana, no outeiro do Casco Vello do Berbés, a Panificadora é o palco de honra do anfiteatro que a cidade forma sobre a ría. A sobriedade construtiva dos seus volumes desornamentados, non exenta de arestas decoradas, a súa fortaleza de formigón armado (unha mostra primixenia desta técnica construtiva e un exemplo único en España), a grandeza dos seus dez silos, o seu perfil minimalista, o xogo do ferro e do cristal son testemuños que relatan a transformación moderna e o afán industrial e obreiro desta cidade durante décadas.
O recentemente aprobado Plan Xeral de Ordenación Municipal e o convenio asinado polo concello cos actuais propietarios en 2003 prevén derrubar todas as instalacións da Panificadora, coa excepción dos silos e dunha pequena parte da edificación existente. A pesar dos eufemismos e tecnicismos utilizados neste tipo de documentos urbanísticos é doado comprender que na Panificadora (en pleno Casco Vello, ao pé do paseo de Alfonso, outra das nosas alfaias urbanas) se pretenden construír 22.000 metros cadrados de uso residencial (máis de dúascentas vivendas instaladas en varios edificios de seis ou sete plantas nas rúas Cachamuíña e Falperra que ocultarían os silos e pexarían as vistas da ría dende Camelias) e dedicar outra pequena parte para usos terciarios privados (oficinas, hostalaría?).
Se derrubamos o conxunto da Panificadora, como fixemos cos Mercados da Laxe e do Progreso, co edificio Rubira e con tantas outras pezas do noso patrimonio arquitectónico (documentadas por Jaime Garrido no libro "Vigo, a cidade que se perdeu"), modificariamos inevitablemente o perfil do noso skyline, cometeriamos outro crime contra a razón e a beleza, destruiriamos o corazón da nosa memoria, derrubariamos o noso horizonte e contribuiriamos a estragar a nosa esperanza. Dariamos un paso atrás, cando o novo urbanismo sostible esixe, en Vigo como en todas as cidades do noso entorno, recuperar espazos urbanos máis que destruílos. Sabemos que a tarefa do futuro é rehabilitar e reutilizar edificacións máis que construír novas.
Con vontade e coraxe política por parte do actual Goberno Municipal, aínda é factible evitar que a Panificadora sexa derrubada, como propón a iniciativa cidadá da asociación Outro Vigo é Posible (OVEP). A salvación da Panificadora pasaría por declarala Ben de Interese Cultural e incluíla no Catálogo do Patrimonio Cultural, como ten solicitado (sen fortuna) dende o ano 2002 o Colexio de Arquitectos de Galicia. A salvación da totalidade da Panificadora debería integrarse nos proxectos urbanísticos previstos para a recuperación do Casco Vello e da propia praza do Rei, considerándoa como unha actuación emblemática do Vigo central do século XXI. Hai múltiples usos dotacionais adecuados para esta enorme superficie construída, dende a instalación da nova Biblioteca, a ubicación do necesario Teatro Municipal, até a ampliación das instalacións e servizos do concello.
Por difícil que pareza, aínda é posible facer compatible os lexítimos dereitos dos propietarios da Panificadora cos intereses de todos os cidadáns. Recuperar a Panificadora para uso público é o arrecendo penetrante da esperanza que o Vigo deste novo século precisa. Salvala da piqueta sería o sinal certeiro de que, por fin, rematan os tempos da barbarie urbanística na nosa revolcada cidade de sal. A Panificadora emite o seu derradeiro S.O.S., os responsables municipais deben atender esta chamada.
bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine