Teño entendido que onte tivo lugar (galicismo) o día de Galicia, país especialmente invitado, na Festa Marítima Internacional de Brest. Supoño que deste feito memorábel tivo moita menos repercusión na prensa de Galicia que o acontemento da visita dos reis de España á factoría de Citroën. Do que si que estou certo é de que o PP vai estar falando da Festa Marítima de Brest durante moito tempo no Parlamentiño. Falará tanto de Brest como falou, en valuto, da Habana. E a axencia EFE aplicaralle a lei do silencio ao acontemento. En ambos casos (a Feira do Libro da Habana e a Festa Marítima de Brest) Galicia estivo e está tratada como País ou Nación, e iso non pode ser dixerido pola Corte e polos que acoan en Galicia os laios malencólicos da Corte, verbo da ruptura de España.

Brest é unha fermosa cidade militar coma Ferrol e pina como Vigo. É un notábel centro naval e parte da Bretaña, nación céltica submetida a Francia cuxas elites e cuxas camadas máis conscientes sempre ollan para Galicia. De Fisterra a Fisterra corre unha liña de afecto que une bretóns e galegos, que sempre se recoñeceron descontando os conflictos derivados da pesca do bonito. Nos Annales du Marin Breton, que se veñen publicando en Brest desde 1900 a hoxe, descríbese con precisión a costa, marés, correntes e todo o relativo á navigación de Cornoalla a Baiona de Galicia, que é o Arco Atlántico que o mariñeiro bretón recoñece como a súa morada marítima do Mundo. Durante anos, no festival de música céltica de Lorient (cidade irmandada con Vigo) flambeou (hoxe non sei se ondea) a bandeira galega. O bon bretón sabe que as estrelas do ideal atlantista son estas: Irlanda, Man, Gales, Escocia, Cornoalla, Bretaña e... Galicia. Así figuran no mapa orgánico do Sinn Féin irlándes. Os bretóns saben das Cruces de Pedra da Bretaña de Castelao, do Laio de Manuel María, de As crónicas do Sochantre de Cunqueiro. "Ei Armórica, Galicia Conumbria, Cambria, Escocia, Irlanda e a Illa de Man; son as sete nacións celtas/ fillas do Pai Breogán". Así soaba o himno das Mocedades galeguistas ou nacionalistas, en letra de Bouza Brey, cando elas eran dirixidas por Nogueiras, González Gándara, Velo Mosquera e Celso Emilio Ferreiro (non por outros, non), As Cornamusas, o biniou, as gaitas de noso soarán en honor da irmandande atlantista no acontemento.

Gustoume saber que no "Village Galicien" montado da Festa de Brest os nosos carpinteiros de ribeira labraron unha dorna. "En Bretaña sobre lo mar/ barcas novas mandei labrar" -dirixiamos facéndolle trampa a Joan Zorro, poeta tamén atlántico do século XIII. Son moitas as embarcacións tradicionais galegas, tal como nos ensina Staffan Mörling, que veu eiquí a Ons para estudalas e ficou namorado e veciño noso para sempre. Pro cábelle á dorna a gloria de ser a máis iluminada pola literatura e a máis célebre do mundo, cecais pola inquedante factura escandinava das súas táboas de escarba. Unha dorna galega foi botada ao mar de Brest. Quen estivese aló para o ver!