O desengano forma parte da vida, e mesmo hai quen asegura que a porcentaxe de felicidade está en relación directa coa capacidade para asumilo. Que tanto che teñan as cousas cando non veñen dadas como querías, noutras palabras. A min iso de Europa non é que me parecese unha panacea, pero tendo en conta de quen estivemos dependendo toda a vida, agradecíase un certo grado de a civilización e de educación no que ten collida a vara por onde non manca. Pois considérenme non como un desenganado, nin tampouco como un deses chamados euroescépticos (que, no fondo, o que son son uns pailáns atrincheirados). Métanme directamente no saco dos cabreados. Nestes momentos non teño a man os ensaios de Camilo Nogueira "Galiza na Unión". A porta atlántica, ou Europa, o continente pensado (nin a paciencia precisa, caso de telos) para que os argumentos do optimismo eurocamilista contrapesen as ganas de mandar ás institucións europeas a rañala por aí. Desapúntenme, vamos.

Por esa infame medida decidida polos gobernos europeos e sancionada polo Europarlamento, cos votos de conservadores, liberais e parte dos socialistas (os únicos españois que non, os cataláns Josep Borrell e Raimon Obiols). Esa "directiva de Retorno" chamada igual, mira que gracia, que as operacións de traída de emigrantes. A que autoriza, sen decisión xudicial ningunha, a ter detido ano e medio a quen entre irregularmente en Europa (18 meses nos que algúns quizais decidan que xa que teñen a estigma de delincuentes, porque non ter tamén os beneficios). Que poden aplicar, como dixo a socialista francesa Martine Roure, a persoas que xa están instaladas aquí, que teñen os seus fillos, que pagan os seus impostos (os nosos, vamos). Que permite devolver a menores a países distintos dos de orixe (unha cousa é a atrocidade de mandar a un inglés de 11 anos de volta a Polonia, pero se son negros ou aindiados, xa se entenderán entre eles, sexan de onde sexan).

Poucas veces algo evidenciou tantas mostras de estulticia e/ou hipocrisía, e despuntou tanto parvo. "El acuerdo pone fin a que en la UE haya lugares donde los inmigrantes pueden ser retenidos indefinidamente", dixo o eurodiputado do PP, o ex responsable da policía e intoxicador do 11-M, Agustín Díaz de Mera. Non é certo. No Reino Unido e Irlanda non había límites, e seguirá sen habelos porque ó non ser territorio Schengen, a norma non lles afecta. Javier Moreno (PSOE) xustificou: "Hemos intentado hacer un texto más garantista, acercándolo al máximo a las legislaciones europeas más avanzadas. Con nuestro empeño, los socialistas hemos logrado la asistencia jurídica gratuita a los inmigrantes". Supoño que si. Con avogados que traballarán as 65 horas semanais "voluntarias" que tamén propuxeron os gobernos e tamén aprobarán eses europarlamentarios que adoitan contratar de axudantes ás mulleres ou ós cuñados, como se publicou hai pouco.

O problema quizais sexa que, como se di sempre, a UE non reuniría as condicións democráticas bastantes para ingresar na UE, e os gobernos e os parlamentarios propoñen e deciden cousas (as 65 horas, cobrar por recibir chamadas de móbil) que na casa non se atreverían a suxerir. Así que, no que a nós respecta, deberemos recordar para a historia europea da infamia ou de tragar rodas de muíño os nomes dos cinco galegos -tanto ten de que partido- que votaron que si: Daniel Varela Suanzes, Francisco Millán Mon, Carmen Fraga (a filla de seu pai), Rosa Miguélez e Antolín Sánchez Presedo. Ah! e tamén o daquela deputada riojana que lle quitou o posto a Camilo Nogueira porque no PP se puxeron a remexer nas urnas como cartoneiros. Como diría o deus de Curros: "Se esta é a Europa que fixemos, que o demo nos leve".