Que doado é, tirando de tópicos de todo a cen, demagoxia barata e medias verdades (cando non mentiras completas) e coa axuda inestimábel da descontextualización, disparar contra o pianista. Porque non é, sen dúbida, o señor ex-deputado Guillerme Vázquez, opinador nestas páxinas do Faro, ningún orfebre da palabra. Mais teño a certeza de que si sabe o que debe dicir, cando e para quen debe dicilo. Así que "peitea canas" e cumpre a función que lle encomendan.

O 1 de decembro nacía en Santiago AGAI, a Asociación Galega de Amizade con Israel (don Guillerme terxiversaba con moi mala intención e dicía Amizade co "estado" de Israel). E nacía por iniciativa de homes e mulleres de toda Galiza, de todas as profesións ¡e de todos os partidos!. E para que a Asociación? Pois para fins tan perversos como:

* Recuperar o legado e a pegada que a presenza secular dos xudeu deixou no noso País.

* Combater a banalización cando non a directa negación do Holocausto.

* Achegar información alternativa sob o conflito árabe-israelí, que non é unha liorta entre bos e malos, senón un drama complexo no que acotío se vende como información o que só é propaganda.

Para algúns, nomeadamente o señor Vázquez, defender estes obxectivos é "imperialista" e, nunha lectura interesada e falsa, enfronta esa suposta defensa do "imperialismo" israelí (un país máis pequeno ca Galiza) coa postura "antiimperialista" do BNG. O señor Vázquez sabe que fóra dalgunha resolución perdida, o debate sobre esta e outras cuestións fica pendente. Non hai nada nos textos do BNG que confirme a suposta contradición entre ser socio de AGAI e militar no BNG. A propia Executiva do BNG admitiu que hai unha "discoincidencia" non unha contradición.

Pero o que si recollen os estatutos do BNG, é o dereito á discrepancia pública, e non como un adorno senón como unha cláusula de salvagarda democrática. Nunha interpretación empobrecedora e interesada, este dereito é para algúns un simple artigo engadido por imperativo legal. Comparar a lexítima discrepancia que poidamos ter moitos militantes do BNG, con supostos como os esgrimidos por Vázquez, de "defender que Galiza é unha rexión, que o galego non debe ser defendido ou que a discriminación de xénero ou racial é defendíbel" é ademais dun insulto á intelixencia dos lectores, unha quentura pobre e demagóxica de quen tivo altas responsabilidades no BNG.

Si señor Vázquez, este é un problema de liberdade de expresión. E o BNG, unha forza que está no Goberno da Galiza, non pode pretender o respaldo maioritario da sociedade e ao mesmo tempo cercenar a liberdade de opinión e asociación. Se así actúa contra os da casa -preguntaranse moitos galegos-, que faría cos de fóra ese BNG do señor Vázquez se poidera actuar sen disimulo? Eu, e os que militando no BNG somos socios de AGAI defendemos un BNG plural, democrático, tolerante, e aberto. Por iso remato preguntando: E se son xudeu?. En fin, confío en que este despropósito remate axiña e remate ben. Porque eu quero que no BNG o señor Vázquez e os que coma el pensan, poidan defender as súas lexítimas ideas, e que aos demais nos permitan discrepar sen que iso sexa motivo de acoso ou linchamento. Coma dixo Voltaire: "Estou en completo desacordo con vostede, mais daría a miña vida para que vostede poidera seguir defendendo o que pensa".