O universo do blog (diarios persoais exhibidos públicamente na rede) en galego, coñecido coma blogomillo, corre paralelo aos outros universos. Na superficie deste mundo de almorzo, xantar e cea o blogomillo non existe. Os que coñecen (coñecemos) o mundo a través dos xornais de papel, a radio, os programas televisivos e as súas versións virtuais por Internet tendemos a crer que este é o mundo. Pero, coma unha corriente subterránea, aínda que algúns prefiren crer que se trata dunha corriente invisible que vai polo ar, o blogomillo afecta ás nosas vidas. Non á de todos, porque a famosa fenda dixital ábrese cunha teimuda porfía e cada intre agranda a súa fondura. Pero mesmo os que nunca entraron nese mundo vense afectados, sen sabelo, pola fertilidade deste universo ultraterrenal.

O primeiro que chama a atención no blogomillo é a diversidade de intereses que xunta. Pola esperable xuventude destes protagonistas, os asuntos vencellados coas diferentes formas artísticas (poderiamos dicir de vangarda) son maioría: innumerabeis blogs de música, con impagables crónicas das euforias nocturnas (Beliscos pequenos ou Apocalipse do porco), ou senlleiras mostras de afeccións á xéneros (O niño do moucho co seu heavy metal) ou a cantantes (+ dylan, con Chiquito de la Highway 61). Tamén aparecen numerosos blogs de artes plásticas (con tendencia á fotografía), con galerías enteiras, que permiten amosar a incandescente creatividade de moitos artistas descoñecidos fóra deste ámbito. Aínda que non son estrictamente diarios, como é habitual nos blogs, contaminan o blogomillo co seu xermolo de orixinalidade e deseño, como pode verse en páxinas coma Selva de Esmelle ou A pícara de Allegue, bitácoras, por certo, suliñadas cunha preponderante e poderosa voz feminina. O mundo do cinema, que ten tanta devoción interneteira, cabe no blog de Días estraños, cun dos máis activos blogueiros, Martin Pawley, quen provoca, con sentido lúdico e vitriólico, aos cinéfilos máis recalcitrantes da galaxia galaica. Dentro deste aspecto do cinema, é inevitable a mención do bizarro Cinema Friki ou ás diferentes reflexións, máis ocasionais, de Mario, desde O porto dos Escravos, ou do dono de As túas balas, que poñen con perspicacia e unha vontade de estilo notoria o seu persoal contraponto. O do cinema é asunto que se repite en boa parte das bitácoras, coa aportación xa ineludible do You tube para ilustrar os comentarios.

Pero é indudable que a importancia do blogomillo mídese no (ultra)terreo dos libros. É celebrado, cunha perspectiva específica de editor, o de Manuel Bragado, Brétemas, que engade, de cando en vez, reflexións de corte político e social, fenómeno moi frecuente, mesmo obrigado, nesta caste de cadernos. Desde o mundo bibliotecario (Ana Bande) ou da edición institucional (Fragmentos da Galaxia), danse a coñecer iniciativas útis que desde outros lugares non é doado atopar. Os escritores non resultan alleos a este esforzo intelectual e acostuman levar ás súas bitácoras as súas consideracións sobre o mundo da cultura como fan Jaureguizar no Cabaret Voltaire, Francisco Castro na Canción do náufrago ou Fran Alonso en Cabrafanada. Outros, coma Moralla (Yolanda López) ou Gradicela, prolongan nas páxinas do ordenador a súa pulsión literaria, que acompañan con ilustracións fotográficas ou con debuxos. Neste caso, o diario convírtese nun acto creativo de primeiro orde e abre a posibilidade, aproveitada por moitos, de dar o salto á maxia do papel, amenazada xa por esta virtualidade. A conexión entre o blogomillo e a industria libresca atopa nestes casos un extraordinario punto de encontro, que eu agoiro pasaxeiro por ver que moitos (e moitas, xa que as mulleres ocupan un lugar preminente) son máis lidos por este formato ca pola súa impronta impresa.

A creatividade comparte espazo coa crítica cultural, social ou política. Un dos blogs máis lidos e respeitados é o que comanda con espíritu xeneroso Marcos Valcárcel desde As uvas na solaina. É un dos casos senlleiros da trascendencia do blogomillo no mundo do papel diario. Non é raro ler nas páxinas de opinión dos xornais temas ou asuntos tratados nesta bitácora, chea de suxerencias e conversación civilizada. Á política deriva boa parte do blogomillo, de xeito inevitable: desde blogs de partidos ou candidatos á alcaldía (de pouco peso dentro do espíritu combativo e creativo do blogomillo que non gusta de consignas ou de ideas preconcebidas) ata máis sesudos (e elegantes, como o de Manuel Gago) espazos de reflexión (Zerovacas ou Calidonia), sen esquecer os xa clásicos (e consabidos) blogs que serven para o desafogo persoal do creador e dos comentaristas que entran a algo que nin de lonxe pode parecer un debate. Nalgúns casos, cada vez máis, o blog pode resultar a orixe dalgunha noticia, presentada nun principio como un leve rumor, que máis tarde coñecerá acreditación. O labor dos blogs é máis efectivo do que pode pensarse e contribúe a longo prazo a unha consolidación da bitácora como un instrumento máis de información, cando a priori parece unido á interpretación subxectiva das noticias. Os xornais incorporan nas súas versións online varios blogs, pero aínda son recelosos diante dun novo modo de ver e participar no mundo. Resulta curioso comprobar cómo un dos temas preferidos para os blogs nos xornais electrónicos sexa o do sexo, desde unha perspectiva didáctica ou claramente narrativa. O blogomillo, neste particular, tamén presenta, e cunha calidade moi salientable, a súa variante erótica: o chamado, con perdón, fodemillo. Trátase dun pequeno (polo de agora) grupo de blogs que tenta dar cabida á lubricidade literaria. Unha entrada en As minhas mulleres pode server de limiar a este universo, predominado por unha nidia voz feminina e por unha vontade explícita de creación elaborada.

Unha das principais críticas que recibe o blogomillo, que mesmo constitúe xa un tópico, é a súa endogamia. A rede pode ser amplia, pero os seus fíos acaban por repetirse nalgures. Trátase dun universo que se retroalimenta, que se mantén moitas veces coas súas autorreferencias. Esta nota miña pode mesmo ser síntoma desa natureza endogámica, pero as súas vantaxes son polo de agora maiores: artella un discurso canalizador da cultura en Galicia (incluso fóra de Galicia como demostran os moi lidos Fíos invisibles de Débora Campos, escritos desde a diáspora arxentina) e contribúe máis ca moitas outras iniciativas institucionais á creación dun espazo aberto de discusión e diálogo. Estes que aquí foron referidos son exemplos desta efervescencia: saberán perdoarme os que non citei, pero polo blogomillo andan, na percura dos seus agardados leitores.