Desde onde estou agora, vexo desde hai días arder ou fumegar un monte por riba de Baiona. As miñas cuñadas aseguran que antes de que eu chegara, xa ardera unhas catro veces. Non comento nada máis comprometido que "xa..." porque supoño que a seguinte xogada é preguntar o porqué, e eu descoñezo o porqué, ou podo apuntar tantos que é como non apuntar ningún. De feito, coincido cun amigo nas terrazas do paseo marítimo e o tema case único de conversa son os lumes, sen que ningún dos tres (a terceira era a súa muller) deamos saído dos lugares comúns.

Por exemplo, o de que hai lumes porque o monte perdeu valor, e xa non se roza, etc. Eso explicaría por que arde, pero non por que lle prenden lume. Botarlle a culpa ós psicópatas axuda tanto como quedar tan anchos decindo que os etarras son criminais sen ideoloxía, e por moito que a nosa experiencia próxima sinale o contrario, non ten por que haber en Galicia máis psicópatas que fóra (aínda que ós de aquí lles quede a materia ardible máis a man). O retrato robot dos dous milleiros e medio de incendiarios detidos apuntan a un labrego maior de 50 anos (que non é moito apuntar, o salientable é que foran labregos de menos de 50 anos). Tampouco se sabe -polo menos eu- que razóns declararon ter para prender lume á policía ou ó xuíz os detidos por ese delicto. A única certeza que eu teño sobre o asunto é a que guiou a investigación detectivesca desde que os asasinatos deixaron de cometerse para que se lucira o escritor: busca a quen lle aproveita o crime (o outro clásico, cherchez la femme, non vén ó caso). Ou sexa, mira quen saca beneficio do lume. O amigo da terraza recolleu logo no seu blog a un colega, José Gomes Ferreira, subdirector de informativos da SIC TV, que falaba de "uma verdadeira indústria dos incêndios em Portugal". Entre os industriais citaba ós servicios antiincendios, ás celulosas e ós intermediarios que as fornecían de madeira queimada a menor prezo e ós que edificaban onde antes había bosque.

Claro que eso debe ser, ou non, en Portugal. Aquí o único claro é que os lume é conservador. O verán de máis lumes foi o verán tripartito do 89, e este, o bipartito, leva camiño de ser o segundo, coa particularidade de que ardeu máis desde a toma de posesión do novo goberno que en todo o que ía de ano, e iso que o operativo é o de antes. Non recordo que decían os medios de comunicación daqueles anos, o que comprobo agora é que en quince días o lume aparece en portadas e pantallas onde estivera ausente quince anos. Informadores que antes se conformaban coa falta de datos oficiais ou co xogo das adiviñas ("ti vaime decindo os incendios que sabes e eu dígoche se os hai") agora describen con detalles o drama. Realizadores e editores que antes tiñan permitido, como moito, poñer imaxes do traballo de extinción, nunca do lume facendo o seu, agora reproducen sen problemas o espectáculo dramático e hipnótico das chamas.

Ou sexa, seguimos sabendo tan pouco como antes das causas dos incendios forestais, pero moito máis dos seus efectos e circunstancias.