O programa “Traes unha cantiga?” deste próximo mércores (TVG, 22.00 horas) gravouse na cidade de Lugo, cidade dunha importante cultura tabernaria, e en consecuencia con proliferación dos cantos de taberna. Veñen ao programa os grupos Xaora, Os do 13 e Son de Lugh. Tres grupos que teñen a súa orixe e filosofía na música tradicional galega, e no seu interese de facer difusión desta música participan nos cantos de taberna. A taberna escollida para a gravación é Medievo, situada na zona máis tabernaria de Lugo, nunha das rúas que rodean á praza do Campo.

O espazo é unha produción encargada por TVG a Producións Celta, cunha idea orixinal, escrita e dirixida por X. H. Rivadulla Corcón e presentado por Noelia Rey.

O primeiro dos grupos participantes é Xaora, que xurde en 2014 tras xuntarse varias persoas que asistían como alumnos a distintos obradoiros da Tradescola (Escola de Música Tradicional de Lugo), principalmente de pandeireta. No grupo hai máis mulleres que homes e a maioría delas din que aprenderon a tocar nestas clases. Na actualidade seguen asistindo porque “seguimos aprendendo e adquirindo máis repertorio”. Din que son moi festeiros, que o grupo naceu co obxectivo de gozar da música e do tempo que pasan xuntos. A día de hoxe o grupo esta formado por 10 compoñentes, e actúan con gaitas, clarinete, bombo, tamboril e pandeiretas. A cantiga que escolleron para o concurso é “Foliada de Asen”, peza moi popular entre os grupos de música tradicional, que escolleron porque é a peza coa que comezan todas as súas actuacións.

Outro dos concursantes é Os do 13, un grupo de cantos de taberna que nace no 2016. Está formado por alumnos dos obradoiros de música, canto e baile da asociación A Volta do Agro, asociación que ten como obxectivo difundir a cultura popular galega. Din que son un grupo de espírito libre, desenfadado, sen moita planificación, que xurde para asistir a certames de cantos de taberna principalmente de toda a provincia. Cando se formaron como grupo tiñan que elixir un nome e, como unha das integrantes ten unha administración de lotería que se chama “O 13”, decantáronse por este nome para que lle dera sorte. Son 8 membros e a súa instrumentación son gaitas, bombo, tamboril e castañolas. O tema escollido é “Castañas asadas”, porque din que representa moi ben o espírito do grupo, pola súa alegría e ser un tema bailable.

Os do 13, durante un momento da gravación. PRODUCIÓNS CELTA

Por último, Son de Lugh é un grupo que se define como grupo de música tradicional ambientado no mundo castrexo, celta e galaico. A banda xurdiu inspirada na festa do Arde Lucus. No ano 2013 celebraron o décimo aniversario da súa fundación. O nome do grupo é un xogo de palabras con “son”, do verbo ser e do substantivo “son” en referencia á música, e “Lugh”, nome do deus celta que supostamente dou orixe ao nome da cidade. Son un grupo habitual nos concertos das festas da cidade: Arde Lucus e San Froilán. E tamén das foliadas e seráns das vilas da contorna. Son 15 compoñentes que actúan con gaitas, acordeón, bombo, tamboril e pandeiretas. A canción escollida é “Chingala” unha peza orixinal do grupo Abóbriga de Baiona, grupo co que todos os anos fan un concerto conxunto.

O programa está presentado por Noelia Rey, e son o xurado permanente Sheila Patricia, unha das voces máis sorprendentes e prometedoras da música galega, e Alfredo Dourado do grupo de referencia do canto de taberna “A Roda”. En cada programa conta cun padriño ou madriña dos grupos, que tamén forman parte do xurado, e nesta ocasión a madriña é Xiana Lastra, compoñente do grupo A Banda da Loba.

O obxectivo do programa é elaborar unha listaxe das cantigas máis populares das tabernas. Así que a canción que o xurado escolla pasará a formar parte da listaxe.