Neste primeiro episodio, ‘Traes unha cantiga?’ visita A Estrada, unha vila cunha crecente tradición na música de taberna. Celebrándose o concurso no Mesón da Estrada. Os espectadores coñecerán aos grupos Os Ke Hai, De Tazas e Regatos, que cantarán “Carmiña, Carmela”, “O meu amor mariñeiro” e “Muiñeira de Forcarei”, respectivamente.

–Que vai ver o espectador de TVG en ‘Traes unha cantiga?’?

–O espectador vai ver tradición. É un programa que está baseado na cultura galega, en algo tan noso como son as nosas cantigas populares e aínda que isto non é algo novo si o é o feito de que todo o que se vai cantar no programa sexa popular. Cada semana estaremos nunha localidade, con tres grupos da contorna que defenderán cada un unha cantiga elixida por eles mesmos. Serán as cantigas, e non os grupos, os que compitan por entrar na lista do programa. O obxectivo é completar unha listaxe coas cantigas máis representativas da música de taberna. Penso que isto tamén é novidoso.

–E que tivo de novo para ti presentar este programa?

–Poder coñecer de verdade e dende dentro o canto de taberna. Vivir esa paixón dos grupos de recuperar e manter vivas as nosas músicas. Poder volver escoitar cantigas que só tiña no recordo e coñecer historias incribles de xente que descoñecía e que están detrás de moitos dos temas máis populares como por exemplo o autor da cantiga ‘Falemos Galego’ popularizada por A Roda.

–Como foi a relación cos grupos?

–Inmellorable. Todo o mundo remou a favor deste programa dende o minuto un, incluído os grupos. Chegar a un local de ensaio era sinónimo de festa, de foliada. O que eu percibín era ilusión e agradecemento de que se estivese a valorar o seu traballo.

–Que te chamou a atención deles?

–Que ningún é igual a outro. Hai grupos de xubilados, de xubiladas, de mulleres pandeireteiras que acaban de comezar, de rapazada que leva dende sempre en asociacións culturais, grupos de máis de 30 anos de historia e outros de meses... hai de todo! E iso é moi esperanzador!

–O programa tiña un xurado permanente, a cantautora Sheila Patricia e Alfredo Dourado (A Roda). Como foi traballar con eles?

–Son os mellores e son amigos. Non vos facedes unha idea de todo o que nos riamos! Alfredo é o protagonista de moitas das anécdotas do equipo e con Sheila entendíame só con mirala. Penso que no programa vaise ver a perfección a personalidade dos dous e esa naturalidade que tiñamos entre os tres. Ademais que son uns súper profesionais. Alfredo é A Roda e A Roda é Galicia. E Sheila é unha das mellores voces que eu escoitei.

–E tamén cada programa tivo un padriño ou madriña, case sempre persoas relevantes da musica galega, como foi estar con eles?

–Inmellorable! Toda a xente que pasou polo programa foi porque quería estar, porque lle apetecía de verdade e porque podía aportar algo tanto ao programa en xeral como aos grupos. Ver a xente importante da nosa música involucrarse tanto con un programa para mi foi un luxo. Falamos por exemplo de Sabela de Tanxugueiras, Xisco Feijóo, Fátima Pego... non sei se podo desvelalos todos así que aí quedan istos tres de anticipo.

–O factor humano, importante...

–É a clave deste programa. Tanto todo o equipo como o xurado, as madriñas, os padriños, os grupos, o público das tabernas, a xente das enquisas a pé de rúa... todos remaron na mesma dirección. Cando chegabamos a unha localidade parecía que todo estaba agardando por nós. É certo que hai un traballo de produción moi importante previo ás gravacións pero non vos facedes unha idea de todo o que se involucraron os grupos con nós. A xente sen dúbida é o mellor.

–A música sempre está no campo da emoción. Foi un programa de emocións?

–Se hai unha palabra que define ao programa é emoción. A emoción dos grupos de actuar para TV que é a mesma emoción que lle poñen en cada ensaio ou en cada actuación. A emoción de todo equipo por chegar a un sitio novo e descubrir que cantigas nos agardaban. A emoción do xurado e dos padriños por descubrir grupos marabillosos que fan recollidas e que reman a favor da nosa tradición. Pero sen dúbida quédome coas emocións de cada final de programa, con esa xente que dedica os seu tempo libre a cantar música popular e que se emocionou participando no programa.