Os datos da primeira onda do Estudio General de Medios (EGM) sinalan a Televisión de Galicia como a canle líder na comunidade e tamén entre as canles autonómicas.

A TVG acada así unha cota do 17,8% no conxunto da semana, segundo os datos do EGM coñecidos onte. Faise así de novo co liderado nas audiencias desta primeira onda de 2023, con 1,8 puntos máis que o seguinte competidor.

Galicia escolle informarse na súa televisión autonómica. Na franxa informativa da sobremesa, cos informativos Galicia Noticias’e Telexornal Mediodía, a TVG obtén un marcado liderado, cunha cota do 27%. Estes algarismos están preto de duplicar as cifras da outra canle pública que emite en Galicia, TVE, que marca un 16,1% de cota de pantalla na franxa informativa principal do día.

Ademáis, entre as televisións autonómicas, Televisión de Galicia é a canle con máis share, cunha cota do 17,8% e superando en 2,1 puntos a seguinte canle.

Por días da semana destacan as cotas de pantalla acadadas por TVG os luns (20,2%), os martes (18%), os sábados (18,4%) e os domingos (19,6%). Na franxa de noite, desde as 20:00 h e na que TVG tamén lidera en Galicia, destacan os bos datos dos luns (18,8%), domingos (17,1%) e martes (16,3%).

Radio

O conxunto das emisoras de Radio Galega chegan a 146.000 persoas diarias de luns a venres e a 138.000 de luns a domingo, segundo os datos desta primeira onda do EGM 2023. Con respecto á onda anterior, trátase dun incremento do 3,55% no período de luns a venres e do 1,47% no conxunto da semana.

Con respecto ao ano móbil, o desagregado da Radio Galega medrou un 11,2% con referencia ao mesmo período do ano anterior.

Radio Galega achega a estes datos 129.000 oíntes diarios de luns a venres e 122.000 de luns a domingo, sendo a única radio xeralista de Galicia que medra en todos os períodos de medición.

Pola súa parte, as emisoras musicais de Radio Galega Música e Son Galicia Radio achegaron ao grupo 17.000 oíntes de luns a venres neste primeiro terzo do ano.