“A porta aberta” ofrece hoxe, ás 21.30 horas na TVG 2, unha nova entrega co capítulo titulado “Asociación Galega de Médicos Forenses. Ciencia para un mundo xusto” no que se explicará o traballo que desenvolve este colectivo en Galicia, así como os retos que afronta e os seus obxectivos.

Elaborado por Producións Celta para a canle autonómica, nesta ocasión contarán cos testemuños de Benito López (fundador do colectivo e primeiro presidente), Fernando Serrulla (actual presidente), e Juan Luis Gómez e Alberto Fernández (asociados). Todos eles achegarán ós telespectadores a historia e a realidade da Asociación Galega de Forenses coas súa charla e intervencións.

Deste xeito, “A porta aberta” abordará unha actividade que se realiza de maneira discreta pola súa propia natureza pero que é imprescindible para a construción dunha sociedade democrática. Así, o colectivo reúne ós médicos forenses de Galicia que exercen unha profesión cunha importante incidencia do funcionamiento normal da sociedade.

Deste xeito, sen medicina forense a xustiza social tería máis complicacións do habitual para poder establecerse. Seica o seu labor máis coñecido polo público xeral é a realización de autopsias. Pero os participantes neste programa explican que as súas funcións van moito máis alá e sempre están vencelladas ás necesidades da actividade xudicial.

O programa tamén explicará as reivindicacións do colectivo para mellorar as súas condicións de traballo. Os telespectadores coñecerán que a práctica da xustiza necesita investigacións e informes certeiros por parte dos forenses, pero estes precisan á súa vez, para poder facelos ben, traballar cunha equipación e nunhas instalacións acordes ao que se espera da calidade das súas conclusións. Lembran tamén que resolver moitas situacións delictivas pasa na maioría dos casos pola competencia dos médicos forenses polo que reclaman as condicións óptimas para desenvolver o seu traballo.