A TVG emite hoxe, ás 10.55 horas, un novo capítulo de “Caderno de bitácora” titulado “José Martínez, “Josecho”, fiel ao mar da Costa da Morte”. Nesta ocasión, o programa trasládase ata a localidade de Muxía para coñecer xente coa súa vida dedicada ao mar, cunha memoria que construiu o presente. Dirixido, escrito e presentado por X.H. Rivadulla Corcón, o capítulo foi elaborado por Producións Celta para a canle autonómica.

Deste xeito, a emisión dará a coñecer a vida e traballo de José Martínez, “Josecho”, que aprendeu a andar no mar co seu pai en Fisterra pero que acabou en Muxía na busca de peixe e de amor. Precisamente, Rivadulla Corcón fala tamén coa súa muller, Rosa Soneira, peixeira que percorre as parroquias da vila para vender o produto, e co seu amigo José Búa, mariñeiro de toda a vida en Muxía e que faena con Josecho na mesma ría.

“Caderno de bitácora” amosará ós televidentes que Muxía é para el como o porto último dunha navegación que o tiña que levar ao lugar da súa felicidade, algo así como Ítaca para Ulises. Así, a vida de José Martínez só se pode entender desde a visión dun mariñeiro porque todo nela ten que ver co mar: é unha vida ao ritmo da marea.

Coñecido como “O Fisterrán” pola súa orixe, desfanse tamén as fronteiras xa que ponse de manifesto que a Costa da Morte é un territorio único con diferentes vilas mariñeiras que constitúen unha única vila. O programa tamén evidencia a devoción relixiosa das xentes do mar. Josecho, como bo fisterrán, é devoto do Santo Cristo e tamén da Virxe da Barca como veciño de Muxía.

Ademais, o capítulo desvela que a paixón polo mar de Josecho é moi humana porque ten un discurso moi natural, desprovista de artificio. E por esta paixón que contaxia entusiasmo, Josecho recibe unha homenaxe materializada cos seus amigos e familiares. Un acto que emociona a este mariñeiro que, de momento, non concebe a súa vida sen traballar no mar.

O mar é para moitos homes e mulleres unha paixón difícil de describir pero que se sinte moi vivamente. E gracias a homes como Josecho os telespectadores da TVG poderán hoxe sentir un pouco desta paixón.