“Caderno de bitácora” desprázase hoxe ata Ribadeo para coñecer o traballo das percebeiras da man de Celia Pacio. Así, a TVG emite ás 10.50 horas o capítulo “Celia Pacio. Descubrir o mar, descubrir a vida” que, baixo a dirección e presentación de X.H. Rivadulla Corcón, descubre como o traballo desta muller contribuíu ao futuro de moitas compañeiras do lugar.

Elaborado por Producións Celta para a canle autonómica, o programa quere homenaxear a unha muller que chegou a Ribadeo con 18 años sen apenas ter visto o mar antes. Ao pouco tempo empezou a traballar no marisqueo para pasarse posteriormente ó percebe, traballo que realizou na zona de Rinlo,espazo tradicionalmente traballado por elas. Ademais, foi a primeira muller en formar parte dun cabildo na provincia, na Confradía de Ribadeo, e foi a segunda en ser patroa maior, posto no que loitou polo benestar das xentes que traballan no mar.

Para coñecela mellor, Rivadulla Corcón fala tamén co seu fillo menor, Jandri Jartín, o último dos catro que ten e o único que vive en Ribadeo, e tamén coa súa amiga Ángela Bedoya, experta mariscadora e percebeira coa que traballou durante doce anos.

A pesares de non proceder de familia mariñeira, a implicación de Celia no sector non puido ser máis profunda o que a levou a converterse nunha patroa maior que deixou pegada. Para agradecerlle o seu traballo, “Caderno de bitácora” prepáralle unha homenaxe coa presencia da súa familia e das súas amigas. Tamén pon en valor unha historia que contén a loita dun colectivo polo dereito a contruir unha vida digna co seu traballo nas rochas percebeiras e no marisqueo.

O equipo de Producións Celta, durante a gravación con Santiago Bermúdez

Por outra banda, a TVG emite mañá, ás 11.50, un novo capítulo de “Náufragos”. Titulado “Cando os barcos se fan humanos”, tamén está realizado por Producións Celta para a canle autonómica baixo a dirección de X.H. Rivadulla Corcón.

O programa lembra o verán de 1991, cando doce barcos dos portos de Burela e San Cibrao, que deixaban de estar activos, foron afundidos na Fosa Atlántica a setenta millas do porto de Burela. Así acabaron por decisión da Unión Europea no canto de ser despezados como era o habitual. Foron o Niño Jesús, Ana Mari, Rey Soto, Brisas del Cantábrico, Reina del Mar, Santa María de Burela, Saa, Cristo de Medinacelli, Apóstol Santiago, Jesús Divino, Pablo Sexto e Concha de San Ciprián.

Rivadulla Corcón fala con Moncho Rivas e José Rego, mariñeiro e patrón do remolcador que realizou os afundimentos, e con Enrique José Rego e a súa filla Pilar, e José Pernas, armadores de dous dos barcos.