“Caderno de bitácora” achégase hoxe ata Caldebarcos, na costa de Carnota, para coñecer á mariscadora Teresa Lado. A TVG emite a partir das 10.45 horas o capítulo “A vida no diálogo co mar” no que a protagonista desprega toda a súa espontaneidade para contar a súa vida. Realizado por Producións Celta para a canle autonómica, está dirixido, escrito e presentado por X.H. Rivadulla Corcón.

Para coñecela ben, o programa fala coa súa filla Martina Díaz, que traballou con ela na recollida da mexilla, e destaca o seu carácter de muller forte. Tamén conversa coa súa amiga Emilia París, compañeira no marisqueo, que suliña como Teresa exercía de líder do grupo de mariscadoras de Caldebarcos.

A vida de Teresa Lado só tivo sentido cando estivo preto do mar. Traballou indo a por percebes, mexilla e argazo. Cando se apartou do mar para ir á emigración a Nueva York pasoulle coma a un peixe ao que sacan da auga evolveu cos seus tres fillos ó non conseguir adaptarse.

Pasou máis de cincuenta anos traballando, pois con dez xa empezou a traballar. Ir á mexilla foi o que máis lle gustou, e neste oficio puido perder a vida nun accidente grave pero resistiu e continuou. É un exemplo de muller do mar e vive con moita paixón tódolos aspectos da vida. Para agradecerlle todo o seu ser sentimental, a súa forza brava e a súa sabedoría, o programa faille unha homenaxe cos seus fillos e a neta.

Manel Méndez era o patrón do "Novo Estela". Producións Celta

Por outra banda, a TVG inclúe na grella de mañá unha nova emisión de “Náufragos” co capítulo titulado “No golpe do mar que non perdoa” no que aborda o accidente do “Novo Estela”, ocurrido no mar de Muros en maio de 2002. Os tres tripulantes eran o patrón Manel Méndez e os mariñeiros Agustín Pereira e Santiago Lires, que lograron sobrevivir gracias a que foron rescatados polo “Gaivota”.

Elaborado por Produccións Celta para a televisión autonómica coa presentación de X.H. Rivadulla Corcón, conta cómo cando navegaban entre a punta dos Castros en Porto do Son e o Monte Louro en Muros atópanse os baixos da Baia, onde estaban traballando cando un golpe de mar arrancoulles a ponte. Tiveron que abandonar o barco cos aros salvavidas e cando xa estaban pensando que non había nada que facer, apareceu o “Gaivota” e rescatou ós náufragos.

O programa fala cos pais de Manel Méndez, Mª Carmen Santos y José Manuel Méndez, co seu tío, Juan Carlos Méndez e tamén co patrón do “Gaivota”, José Vilas, quen lembrou o rescate.