TVG emite hoxe, ás 10.00 horas, un novo capítulo de “O son da ribeira” , titulado “Lévame”. Realizado por Producións Celta para a cadena autonómica, o programa trasládase ata a localidade pontevedresa de Carril co obxectivo de investigar a orixe e a influencia deste tema no lugar. “Lévame” é unha das cancións máis populares de amor, de amor mariñeiro e que conta como a muller queda en terra agardando a volta do seu home.

Dirixido e presentado por X.H. Rivadulla Corcón, o tema soará varias veces ao longo da emisión a cargo de diferentes intérpretes. Deste xeito a primeira será a versión presentada por un dos grupos da canción popular con máis sona en toda Galicia, A Roda. Pero tamén a cantará, un pouco máis adiante, o Coro Alento Xove de Carril. Precisamente coa súa directora, Merche Tilve, o presentador falará sobre a música dos coros en xeral pero tamén sobre “Lévame” e a súa orixe en particular.

Asimesmo, o programa comparte un tempo con catro mulleres do mar: Lolita García, Pupe Jueguen, Rota Vidal e Imma Otero. Todas traballan o marisqueo a pé e forman parte da Asociación Amar Carril e compartirán cos telespectadores anacos das súas vidas e dos seus traballos. Así, ensinarán como aman o oficio que exercen no mar e tamén como litan pola dignidade dun colectivo, con elegancia e sabedoría.

A canción conta como a muller queda en terra agardando a volta do seu home

A emisión continúa coa intervención do grupo As cantareiras do Berbés, que ofrecerán a súa propia interpretación de “Lévame”. Tamén participa no programa un dos gaiteiros máis prestixiosos de Galicia, Xosé Manuel Budiño, quen creou a súa propia versión da canción para tocala para “O son da ribeira”.

O obxectivo do programa é que a partir de agora os espectadores non escoiten do mesmo xeito “Lévame, lévame, lévame” e que sexan quen de pensar no papel tan activo que ten a muller no universo do mar e tamén como este universo non podería existir se fose só de homes.

Fraternidade

Neste punto do capítulo, aparecen as voces masculinas e femininas do Coro Alento Xove de Carril, que actúa ante as cámaras de Producións Celta para entonar tamén o tema que da título ó programa nunha marea imparable de fraternidade entre todos os fillos e as fillas do mar.

Para despedirse, o capítulo número 13 de “O son da ribeira” fai regresar aos televidentes á beira do mar, á orixe, á casa común de todas as xentes mariñas. E voltan enchido o peito de amor, amor ao territorio do mar e aos nobres oficios que este nos proporciona. E ás mulleres, e tamén aos homes que exercen con honestidade estes oficios, os que levan o salitre e o amor polo mar nas veas.