Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sacho Dixen

Cargos intermedios

Estar no medio, en xeral, é algo pexorativo. Por exemplo, estar no medio dunha parella adoita ser un foco de conflitos, os días que se fan máis longos son os que están no medio da semana e unha persoa que está no medio, sinxelamente, molesta. Ocorre o mesmo na xerarquía das empresas e organizacións.

Desconfiemos sempre dos cargos intermedios. Non chegan a ser xefes, pero son os seus escudeiros porque aspiran a selo. Tampouco son traballadores de base, porque eses son precisamente as persoas ás que deben controlar. Estamos rodeados. A maioría deles teñen entre corenta e cinco e sesenta anos, máis ou menos pelo e varios quilos de máis. Escalaron na xerarquía, aínda que probablemente non tanto como lles gustaría.

Ser un mando intermedio debe ser un traballo horrible. Estar a cabalo entre a dirección e as bases dunha organización débete expoñer a moitas presións. Conciliar o sono non debe ser tarefa fácil sen un Orfidal. Eles son a engrenaxe, a correa de transmisión que permite conectar a estratexia que alguén deseñou nun Power Point coas operacións diarias, coas rutinas dos traballadores. Ou, por simplificalo, os esbirros dos que mandan. Normalmente, o seu nome non é recordado, salvo que metan moito a pata. Luis Bárcenas, por exemplo, era un mando intermedio que meteu moito a pata. Por iso será recordado. Pero hai moitos máis.

Un estudo da Universidade de Harvard analizou hai algúns anos o rendemento de 21 millóns de cargos intermedios que traballan en empresas nos Estados Unidos e as conclusións non podían ser máis claras: poñelos a facer as mesmas tarefas que realizan os seus subordinados xeraría 3.000 millóns de dólares máis. O estudio concluía que son un estorbo organizativo que lastra a produtividade e a innovación dunha empresa. Os mesmos analistas estimaban que unha relación axeitada de mandos intermedios sería de un por cada 10 empregados. Porén, a nosa media achégase máis a un por cada cinco. O de sempre: pouco indio para tanto cacique.

*Xornalista de Agolada afincado en Madrid

Compartir el artículo

stats