Xente Marabillosa non dá puntada sen fío e, ao longo da actual tempada, combinou temáticas de interese universal con problemas de especial incidencia no territorio galego, como é o caso desta entrega.

En España hai máis dun millón de tractores, dos cales 400.000 carecen de medidas de seguridade porque superan os 40 anos e, cando se fabricaron, non eran obrigatorias. Moitos deles están en Galicia que, a pesar do seu tamaño con respecto a outras comunidades autónomas, figura en segundo lugar en canto a vehículos agrícolas censados e en primeira posición nas estatísticas de falecidos en accidentes con este tipo de maquinaria.

A antigüidade do parque móbil, con demasiados tractores sen sistema antienvorco; a avanzada idade media dos condutores, como consecuencia do avellentamento da poboación en xeral e da que se adica ao sector agrogandeiro en particular; a irregularidade dos terreos, con gran cantidade de leiras en pendente; e o exceso de confianza constitúen as principais causas destes sinistros. Sobre todo isto falarán no estudio esta noite (a partir das 22.40 horas) Lucía Rodríguez e a madriña deste novo programa, Loly Gómez, moi coñecida entre os espectadores da Televisión de Galicia (TVG) por ter presentado A Revista e por achegarlle ao público a información meteorolóxica.

O público tamén descubrirá as historias de Fran Varela, un mozo que perdeu os brazos nun accidente con maquinaria agrícola cando tiña 5 anos, e de Maximino Míguez, gran coñecedor do mundo do tractor en Galicia.

Ademais, visitarán o programa dúas persoas extraordinarias ás que o equipo de Xente Marabillosa quere homenaxear polas súas intervencións durante as cámaras ocultas gravadas na localidade de Santa Comba. Nelas, o encargado dunha cuadrilla que limpa predios trata de forzar a un mozo a manexar unha retroescavadora, aínda que sabe que non ten o permiso correspondente. Pero, por sorte para el, atopa máis dun valedor que sae na súa defensa.

Para rematar a noite no máis alto e como parte dunha das sorpresas que se vivirán no estudio, Lucía recibirá a Manuel Costiña, cociñeiro e propietario do restaurante Retiro da Costiña, que conta cunha estrela Michelin e dous Soles Repsol. E, no que respecta á nota musical, Ula e Mon de Monoulious DOP encherán o escenario con dous temas cargados de ironía e bo humor que farán mover o esqueleto a todos os presentes.