“María Solinha”, a última película realizada polo realizador galego Ignacio Vilar, e que foi rodada en Vigo, Redondela, Cangas ou Moaña poderá verse nos cinemas da comunidade a partir do vindeiro venres tras 16 meses de espera marcados pola pandemia. Foi ano e medio no que o filme xirou por Galicia, Castela e Norte de Portugal en autocinemas –era a primeira vez que se emprega este formato en Galicia– e proxeccións ao aire libre para ser vista por máis de 50.000 espectadores.

No filme tamén participan Mela Casal e Santi Prego. | // VÍA LÁCTEA F.

“Nunca sucedeu na historia do cinema isto. ‘María Solinha’ é algo novo. O 15 de maio do ano pasado iamos estrear en todas as salas comerciais pero pecharon polo COVID e decidimos algo novo, levar as estreas á rúa e os autos percorrendo 172 concellos durante un ano e catro meses, esperando a que abriran os cinemas ao 100 por cento. Agora ese momento chegou”, sinala o realizador de obras anteriores como “A esmorga”, “Pradolongo” ou “Sicixia”.

Como chiscadela á cidade de Vigo, Vilar prepara unha presentación por todo o alto en Vigo o venres día 26 a partir das oito da tarde nos Cines Gran Vía, nunha proxección amparada pola Televisión de Galicia e Vía Láctea Filmes. A elección da data pecha en si mesma unha chiscadela ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Devandita efeméride celébrase o día 25 de novembro e “María Solinha é unha película que non é indiferente a esa violencia. Mentinme –reflexiona Vilar– na súa realización pola violencia que as marías soliñas estaban recibindo no século XXI coa manada de hai tres catro anos. Eu penso que o instrumento para loitar contra a inxustiza é o cinema”. Ademais de proxectarse nos cinemas Gran Vía, na cidade olívica tamén se poderá ver nos Yelmo así como nos Multicines Norte.

Para promocionar o filme, a produtora “empapelou”, como ben describe o director, as vallas publicitarias á entrada de Vigo, Cangas, Moaña e Redondela, concellos onde se rodou.

Para Vilar “é importante que unha figura como María Solinha, unha das grandes mulleres da historia de Galicia, a demos a coñecer a unha parte importante dos galegos, así como de xente de Zamora e Portugal. Foi unha muller que loitou por ser libre; era unha muller sabia que queimou a Inquisición. Por desgraza, as marías solinha de hoxe seguen sendo atacas neste século XXI”.

O filme –con guión de Vilar, Esther Carrodeguas e Ermel Morales– está interpretada por Laura Míguez, Grial Montes, Mabel Ribera (Goya a mellor actriz de reparto en “Mar adentro”), Santi Prego (finalista ao Goya a mellor actor revelación polo seu papel de Franco en “Mentres dure la guerra” de Amenábar) e Morris, entre outros.

“María Solinha” fíxose o pasado ano co premio ao mellor filme estranxeiro no Festival Internacional de Taormina, en Sicilia. “Concorría con 300 proxectos e elixiron dez para a competición oficial. O premio que conseguiu alí foi un gran pulo para nós nun festival onde se puido ver na versión orixinal”.

De momento, a película verase na Galicia coa idea de traspasar fronteiras despois, o que lembra a estratexia seguida con “A esmorga”. “Ao igual ca entón –detalla o director– queremos estrear en todas as salas en Galicia. Se os galegos apoian a película nos cinemas, será fácil ter salas de cine en España. ‘A esmorga’ estreámola o 21 de novembro e na primeira fin de semana foi o filme máis visto de espectador por copia en España”, o que espertou o interese por ela por cinemas doutras comunidades, o que a levou a aguantar 15 semanas na carteleira.

Vilar reflexiona que a película “fíxome descubrir a Festa da Coca, unha das máis antigas del mundo, e que tamén se celebra (de xeito igual ou semellante) en Monçao, China ou Bélxica. Por que se celebra? A lenda conta que había un dragón que vivía nunha cova baixo a illa e nas profundidades da ría, e unha vez ao ano secuestraba mozas e as violaba. Un bo día os mariñeiros se rebelaron contra o dragón entón as burras que levan enriba as penlas (nenas de tres anos) parecen que voan celebrando a morte do dragón. Pensei ao ver a festa que pasaron séculos pero ese dragón segue atacando as mozas de Redondela e outros lugares ou ás marías soliñas, só que agora é diferente. No século XVI era un inquisidor disfrazado de dominico e no século XXI vai de gravata. A ver se entre todos podemos matar ese dragón”.

Segundo o seu punto de vista, “a violencia non mudou, segue aí. Tras centos de anos seguimos igual. O tempo non pasou. No filme (que presenta a historia dunha compañía de teatro que pon en escena a historia de María Solinha), chega o momento no que o espectador non sabe se está no século XXI ou no XVI. O espectador participa no proceso da película”.