A Mostra de Cine Etnográfico (MICE) que pechou as súas proxeccións a pasada fin de semana otorgou o galardón Crea a “A poeta analfabeta” da viguesa Sonia Méndez sobre a vida e obra dun mito aínda vivo: a escritora Luz Fandiño, de Compostela. O documental foi idea da produtora Nati Juncal. “Un día levoume á presentación dun libro. Alí foi onde a vin por primeira vez (a Luz) e pensei: ‘Efectivamente, hai que facerlle un documental’”, rememora a cineasta.

Sobre o persoeiro, engade que “impacta todo a nivel intelectual e estético. Non oculta a súa personalidade. E chamoume a atención a forza que tiña a pesar da súa idade e a súa forza para uni-la xente a través do discurso. Pregunteime quen era esa señora e de onde saía tanta forza”.

O documental arrancou cun equipo moi mínimo na casa de Luz para entrar na súa intimidade. Pouco a pouco, a protagonista foi enfiando reflexións xa que “é coa palabra coa que loita”, sinala Méndez quen aclara que o documental tamén mostra a arista máis persoal dunha creadora de 89 anos que vive soa na súa casa.

Ó longo da metraxe, a poesía positívase na obra audiovisual porque os versos son o pan e a fariña da súa vida. “Luz escribe tódolos días un poema dende os anos 60. As súas poesías falan da súa experiencia de vida e das súas crenzas e ideoloxía. Pero máis alá diso, descobres unha figura que se pode entender a nivel universal en todo o mundo porque falamos de calidade humana. É o retrato dun ser humano”, detalla a directora.

Soidade

Para a realizadora galega, no discurso de Fandiño destaca que “di que loita falando pola capacidade de transmisión da palabra que xa lle deixaran súa nai e avoa; pero tamén como chega á idade actual unha muller despois de vivir as cousas que viviu e que foron durísimas; ademais de resalta-la súa vida na soidade porque é duro estar en soidade na casa pero tamén vivila na emigración. E a pesar desa dureza, no terreo afectivo durante moitos anos no final da súa vida chega coa gran forza que ten. Ela defende que o pobo vai vencer. É un pensamento que segue a tirar da xente que cre que as cousas poden cambiar ó escoitala”.

En canto ó título do documental, aclara que “é un verso dun poema dela onde sinala que é a poeta analfabeta, a poeta dos desherdados. Cando vai presentar un libro, sempre o di. Ela non tivo escola. Todo o que sabe, sábeo pola vida que viviu”.

A directora Sonia Méndez. Cósmica Produccións

E esa experiencia e saber fan que a pesar dos seus 89 anos de idade inda posúa, como subliña Méndez, “aínda a mirada de nena. Non ten medo a desnacer, que é como chama a morte. Estás con ela e non sentes estar cunha persoa vella. Ela ten unha enerxía que xa lle gustaría a moita xente da miña idade”.

Inda que nos primeiros momentos de inicia-lo documental o equipo barallou entrevistar a outras persoas sobre Luz “finalmente queriamos que ela falase. Non hai outras voces así que tivemos que descartar moito material. Pero no documental si que se ve o que a xente ve nela”, aclara a directora da película.

Respecto da narrativa, Méndez explica que a narrativa ten que ver co seu discurso e como hai carencia de momentos de silencio no seu día, a excepción de cando escribe, o documental non se vale dos silencios para o relato cinematográfico.

“Eu non quería estar aí pero ó final hai un diálogo ó tempo que eu vou descubrindo a súa voz. Entro na súa casa coa fascinación do que vexo e oio e quería que o espectador tivese esa experiencia”, apunta.

Proxeccións

Sonia Méndez aspira a proxectar “A poeta analfabeta” na meirande parte dos concellos de Galicia co fin de achegar esa figura ó público. “Co problema da pandemia, moita xente quere ver este documental pero só se puido ver ata o de agora na MICE e en Cineuropa. Como os aforos son de 30 ou 60 persoas, a xente non consegue entrada para as proxección, por iso agardamos que se poida ver en auditorios de concellos porque sabemos que vai haber público nas proxeccións”, defende a súa directora.

Méndez está a preparar unha longametraxe e que en breve rodará a curta “O neno sardiña”, da tamén viguesa Lucía Estévez (autora dos audiovisuais da obra “Curva España” de Chévere e da web serie “Xan”).