Celestino Pardellas de Blas, máis coñecido como “Tinón”, é profesor xubilado, presidente de PineirÓns e leva máis de medio século vencellado á illa de Ons. Ao seu traballo na asociación, que cada ano edita a revista Aunios, súmalle desde o ano 2020 a elaboración dun minixornal denominado Onstopus. É un repaso sobre a realidade da illa, anécdotas, historias ou necesidades, combinando o humor coa seriedade. Este minixornal illán acaba de acadar o seu número 80. Non está nada mal!
–Como xurdiu a idea de elaborar este boletín “anárquico-independente” de Ons, tal como o define na súa cabeceira?
–A idea vén de fai xa unha boa cantidade de anos, cando nos xuntabamos en Ons varios visitantes asiduos e, nas nosas conversas, a carón de temáticas varias, sobre todo, culturais, comentábamos sucesos que ocorrían na Illa. Dixeramos de facer un pequeno boletín coas anécdotas que ían ocorrendo e ata lle tiñamos nome “A voz do Cucorno”. Aínda que se intentou, non foi arriba. No 2020 coa problemática da pandemia e ao estar pechado na casa, ocorréuseme sacar esa idea adiante e, paseniñamente, foi enganchándome, e xa van case polos 80 números de Onstopus.
Nun principio a idea era ir sacando a razón un boletín cada quince ou vinte días ata rematar a pandemia ou se me pasara a lideira. Pero, a medida que ían saíndo e vía a enorme aceptación que tiña e como influía en xestores, veciños e persoas interesadas nesta Illa, funme animando e agora está considerada coma unha fonte de noticias interesantes sobre Ons
–Con que obxectivo comezou a súa elaboración e difusión?
–O obxectivo inicial foi matar o tempo con algo que me apaixona, a Illa de Ons. Contar acontecementos, anécdotas, reivindicacións... sobre ela como se fose un pequeno periódico.
–Cales son os temas que lle interesa tratar e con que tono?
–A temática é moi variada onde o humor e dar a coñecer as problemáticas de Ons nun ton serio, sobre todo, no referente ás cuestións sociais, urbanísticas, culturais... Tentando dar as miñas suxestións baseadas na experiencia de case 50 anos vinculado a esta Illa recompilando todo tipo de datos sobre as súas peculiaridades.
PineirÓns reclama a Parques la mejora de la depuradora y seguir los trabajos arqueológicos
–Os contidos elabóraos vostede en solitario ou conta con colaboradores dispostos a botar unha man?
–A totalidade do contido é cousa miña, agás cando me mandan suxestións que, se coido que poden ser interesantes para o lector, as incorporo e comento.
–Acaba de chegar ao seu número 80. Cando empezou a elaborar esta peculiar visión sobre a illa agardaba chegar tan lonxe?
–Esta andaina comezou en abril de 2020. Nun principio a idea era ir sacando a razón un boletín cada quince ou vinte días ata rematar a pandemia ou se me pasara a lideira. Pero, a medida que ían saíndo e vía a enorme aceptación que tiña e como influía en xestores, veciños e persoas interesadas nesta Illa, funme animando e agora está considerada coma unha fonte de noticias interesantes sobre Ons, cunha importante aportación de ideas, sobre todo socio-culturais, que está a enganchar a moita xente. Comentaba un lector: “Grazas á lectura de Onstopus, coñecín a verdadeira Ons, cando volvamos, a percorreremos e miraremos doutro xeito”.
Un cuarto de siglo de “Aunios”
–Na súa lista de destinatarios sei que hai organismos oficiais vencellados á Ons. Como acollen ou se toman os contidos do Onstopus?
–Envíono a todos os meus contactos, a persoas que están vinculadas dalgún xeito coa illa, aos organismos xestores de Ons (Consellería de Medio Ambiente e Parques), a organismos que dalgún xeito poden facer moito pola Illa (Consellería de Cultura, Xuventude, Deputación e Concello de Bueu). Tamén a un bo número de museos, bibliotecas, casas de cultura... E a todos os que participan na elaboración, distribución e posta en valor da revista cultural “Aunios”. Á vez, moitos dos lectores a reenvían aos seus contactos [está en internet na páxina:http://bueu.esy.es/Revistas/Onstopus/indice.htm e http://bueu.esy.es/Revistas/Onstopus/onstopus.htm]. Ten unha moi boa acollida, segundo os correos que me envían felicitándome ou comentando o relatado en cada unha. Coido que dende os organismos oficiais que a reciben, interesa saber a opinión da xente, coñecen o meu vínculo coa veciñanza e este minixornal pode considerarse a voz dos veciños, e por iso interésalles coñecelo.
A carón do humor, intento dar suxestións e, ás veces, comentar, cunha crítica construtiva, accións que considero deben ser tratadas e solucionadas polos xestores e veciños. Sería moi arrogante o dicir que si conseguín mellorar a situación da illa e veciños
–Pensa que a difusión do boletín conseguiu dalgunha maneira mellorar a situación na illa e contribuír a que se faga caso a algunhas das reclamacións e reivindicacións dos illáns?
–Como dixen, a carón do humor, intento dar suxestións e, ás veces, comentar, cunha crítica construtiva, accións que considero deben ser tratadas e solucionadas polos xestores e veciños. Sería moi arrogante o dicir que si conseguín mellorar a situación da illa e veciños. Sen embargo, moitas das ideas, suxestións e reivindicacións expostas no minixornal, foron saíndo adiante posteriormente, mellorándose en moitos casos as accións a realizar pola administración e arranxándose cuestións importantes para a veciñanza e visitantes.
PineirÓns reclama atención médica las 24 horas en Ons durante los meses de verano
–Que temas ten pensado para os seguintes números?
–Seguirei co humor, fotografías antigas, reivindicando temáticas como charlas aos veciños para a mellor utilización de materiais de limpeza e temática do lixo; programación de actividades antes do verán e presentalas publicamente para que os visitantes programen á súa vez a visita con antelación; arranxo de camiños; posto de primeiros auxilios; bandeira azul, sendeiro e centro azul para algunha praia, ruta e o centro de visitantes; que o faro, agora automatizado, convírtase nun importante centro cultural. Ou que as axudas para investigación abrangan máis que a área de influencia do parque nacional. Ou reforestación, máis investigación etnográfica... E que o Concello de Bueu se involucre máis coa illa, que pertence ao seu municipio.
–Na cabeceira do minixornal pon que o seu prezo de venda é unha “cunca de albariño caseiro”. A cantas cuncas o invitaron xa?
–Difícil de cuantificar! Coido que xa levo varias colleitas “vendimadas” [risos].