Na periferia da historia da ermida de Vilariño (III)

No ultimo terzo do século XVII a capela atópase en mal estado polo incumprimento de obrigas por parte dos sucesores de Juan Lavado

Unha imaxe antiga do entorno  da capela de San Bartolomé,  na aldea de Vilariño. |   // ANXO COYA

Unha imaxe antiga do entorno da capela de San Bartolomé, na aldea de Vilariño. | // ANXO COYA / Anxo Coya

Anxo Coya*

Ao carpinteiro Lino González

Continuando coa sucesión do padroádego da capela de Vilariño, diremos que o novo encargado do templo en 1665 será Estevan de Villafane, de oficio escribán e casado con María da Veiga, neta do capitán. Polas anotacións tomadas, sabemos que levará o dito cargo cando menos ata 1668 pois en 1670 acreditamos que o novo encargado será Juan de Veiga Alemparte, casado con Dominga Fernández de Villar. Na visita deste ano obrígase a “/ ...que componga Y Retexe la capilla teniéndola con desensia y q. se aga una cerradura con su llave Para la puerta della teniendo el hornato en dha capilla para cuando se ofresca decir misa.../”.

En 1675 a capela atópase nun estado indecente, sen manteis, a porta aberta de día e de noite e mal reparada. Este abandono débese a que o novo patrón, Juan de Vega Alemparte deixa de cumprir coas obrigas e pensa en alimentarse economicamente xa que en 1679 vende ao comisario do santo oficio da Inquisición e reitor de Bueu, don Fernando de la Rúa Freire, parte dos terreos aforados e adscritos a Juan Lavado e Aldonça Franco en Nerga, Liméns, Manle e Vilariño.

Interior da ermida de San Bartolomé, en Vilariño.

Interior da ermida de San Bartolomé, en Vilariño. / Anxo Coya

Os problemas fanse notar co incumprimento das súas obrigas do templo e en 1681 o abade do Hío, don Bentura de Aldao Taboada, fai unha notificación ante o escribán Baltasar Fandiño para que Juan Martínez de Nerga e o seu xenro Juan do Outeiro de Vilariño, como caseiros da carga dos doce ferrados de pan declaren a quen pagaron a dita renda nos anos anteriores. Ademais tamén declaran polo mesmo, Domingo Gallego de Manle, Domingo de Ferradás , Benito de Moderrón casado con Dominga de Meira, Domingo Martínez de Liméns . Das declaracións peneiramos o seguinte: “/ ... Juan Martínez de nerga dixo q es verdad q por el lugar de Outeiriño do boy cito en la dha fra (feligresía) q se dise A sido de Juan Labado el biexo el q declara y Juan douteiro su hierno suelen pagar de Renta en cada un año dose ferdos. (ferrados) de pan... y lo pagavan siendo bibo a gabriel franco difunto y despues del lo pagan a Juan de bega su hijo... Domingos Galego de Manle dixo q solía pagar cada un ano al dho gabriel franco difunto y despues q se murió a Juan de bega su hijo veinte y ocho ferrados de pan mdo. (mediado) un frdo. (ferrado) de trigo y un Ducado y medio de maRana (marrana) por el lugar de manle q disen fue de Juan Labado el biexo.../. Así que o visitador xeral de Santiago ordena que non se lle pague a renda foral a Juan de Vega ata que faga satisfacción das esmolas que debe dende o 1675, xa que tiveron oculto o libro das contas e fundación da ermida. En 1694 faise unha reparación considerable do templo xa que o seu estado ruinoso clamaba a facelo. Recompilamos datos de interese na reforma: /... Data en dies y seys Rs. (reales) Y mº (medio) q tubieronde coste tres moyos de teja con su barcaje q se trajo de Belusso= con mas otro moyo y mº q se trago de bousas con su porte y flete, seys Rs. Y tres quartillos q fueron para retegar dicha capilla... dies y ocho Rs. De tres dosenas de ripa ... q costó en Moaña a seys Rs la dosena y dos Rs mas de quien la trajo ...más ... dies Rs de quatro días de gornal del carpintero q ripó la capilla y le echó la teja... mas dos Rs del coste de la llabe de la puerta q se hizo en Pontevedra.../.”

Juan de Vega finou o 19 de agosto de 1710 e deixará como sucesor e patrón da ermida ao seu fillo, don Fernando de la Vega Alemparte, veciño de Vigo e tataraneto de Juan Lavado e Aldonza Franco. Este casou con Josefa Fernández de Lago. No Arquivo do Reino de Galicia (Legajo 9008, Nº12), existe un preito de Fernando de la Vega sobre as terras de Liméns, Manle e tamén das denominadas Cabo da Bouza (sic), A Grela e Merlín en Vilariño. O preito componse de datos da sucesión do padroádego e fundación do templo: “/ ...Dn Fernando de la Vega Alemparte vecino de la villa de Vigo... digo que el Capitán Juan lavado... estubo cassado y belado con aldonza Franco de cuio matrimonio tubo y dejaron por hijo Barón a Juan lavado franco segundo deste nombre, que casado y velado con veatris Vidal da Veiga, tubo y dejó por hixo...mayor en días A Gabriel franco de vega, que estubo cassado y velado con gregoria de Avalle, y dexó por hixo... a Juan de Vega Alemparte, ttercero deste nombre, Que lo estubo con Dominga fernandez de billar de cuio Matrimonio tubo y me dejó por hixo lexmo. (legítimo) .../”.

Documento referente á ermida de Vilariño datado 1715.

Documento referente á ermida de Vilariño datado 1715. / Familysearch

A descendencia e sucesión dos fundadores da ermida é clara e concisa, e segue declarando: “/... Juº (Juan ) lavado... allándose mercader el aº (año) de mill Quinºs (quinientos) y novta (noventa) y tres fundó y dotó la capilla adbocación de Ssn. Brme. (Bartolomé) en la fra (feligresía) de Ssn. Andrés del Yo (Hío) o Aldea de Villarino cerca del mar y se aprovó la fundazon (fundación) y dotación para Reparo, y despues de averla fabricado y puesto Ornatos y mas necesario allándose Capitán Por cláusula de su testamento con que falleció de veinte y tres de mço (marzo) de mill siscios (seiscientos) y tres .../”.

Temos constancia de que Juan Lavado finou o 28 de marzo de 1603 no canto do 23 como indica o documento, tal vez a confusión veña pola data en que finou o seu fillo maior. O contido do preito inclúe un documento asinado o 25 de xaneiro de 1704 por Francisco Antonio Ramos como procurador de Juan de Vega, pai de Fernando no que se fai petición para compulsar a documentación deteriorada polo paso do tempo e pola queima e asalto á vila de Cangas polos mouros (sic) xa que os papeis quedaron prexudicados. Nel asegura e declara o descrito no documento anterior e especifica que os papeis e cláusulas do testamento de Juan Lavado “El Viejo” están “maltratadas y molidas y sus notas haverse quemado en ocasión que tamvien se quemó por los moros dha Villa de Cangas”.

O 12 de setembro de 1710 fanse varias citacións aos labregos e posuidores dos terreos de Vilariño adxuntos á dita fundación da ermida. Nunha delas tómase declaración a Gregorio de Malvido, Martín Gallego, Domingo Piñeiro e Nicolás Suárez que declaran polos bens de Liméns. Pedro de Novas, Benito do Outeiro, Rosendo de Novas, Luis Piñeiro, Diego Piñeiro, Domingo de Gandón, Pedro do Outeiro, Domingo Martínez, Ángela Vizosa, María de Lemos, viúva, Domingo Franco, don José Antonio de la Rúa Freire e outros fano como levadores das veigas de Vilariño, Cabo Bouza, A Grela e Merlín. Ábrense tamén dilixencias na procura de don José Antonio de la Rúa Freire do Pazo de Santa Cruz (Bueu), aveciñado na cidade da Coruña. O auditorio sinalado para estas citacións foi a casa de morada do escribán Baltasar Fandiño de Goyanes e asiste a elas o xuíz de Cangas Pedro Antonio de la Vega. Ademais tamén se fan declaracións do gando dos colonos, e incluso da denominada Granxa: “/...Allose en casa de Gonzalo Martínez una baca y una jubenca, dies obejas, y dos carneros y otra jubenca y diez patas que fueron tasadas todas ellas en ciento e quarenta e siete Rs y quartillo. En casa de Antonio Vizoso quatro bacas y una Bezerra...En casa de Bárbara de Vilariño honze cabras e dos Castrones,Quinze obexas y tres carneros...en casa de Sancha de gandón dos almallos (bois sementais) bermellos una jubenca bermella y otra baca bermella .... en casa de San Juan de Vilariño una baca... en casa de Juan de Malbido una baca... en casa de Juan Viciosso se allaron dos Bueyes, una baca, dos cabras, un castrón, diez obejas y diez años...mas un Buey en casa de Bastián de nores... mas fue tasada la granxa de Vilariño con sus casas, lagar e todo lo a ella anexo e perteneciente en quatro mill quinientos seis Rs.../.”

Segundo o Libro de Semana Santa editado no 2016, da autoría do administrador parroquial do Hío, Alfonso Fernández Sotelo, na visita pastoral do 1712 pídese a Fernando de la Vega o seguinte: “/ Hay que arreglar el tejado, debe asegurarse el arco de cantería y portada de dicha capilla ; debe allanarse el suelo, dejándolo igual; que se supriman los dos retablos colaterales por no ser capaces ni de provecho... /.”

Parte da prensa dun lagar en Manle, en Liméns.

Parte da prensa dun lagar en Manle, en Liméns. / Anxo Coya

Máis tarde, Fernando declara ante notario que o 15 de marzo de 1714 fai novo contrato de foro ante Joseph de Pedrido Mosquera dos bens da Granxa de Vilariño, Liméns e Manle. Na data do 17 de agosto de 1715 declara o seguinte: “/ ... En la felegreçía de San Andrés del hío Jurisdición de la Villa de Cangas a diez y siete días del mes de agosto de mill siete cientos y quince años....pareció personalmente Dn Fernando de Vega Alemparte vecino de la villa de Vigo, otorgó y dijo que por quanto sus anteçebsores an llevado y posehído por vienes propios y de su util dominio, los lugares y casales que se dizen y nombran de Villarino, liméns y Manle citos en esta dha fra (feligresía) por virtud de foro antiguo que les fue echo por el lizdo (licenciado) Alonso Matheo Juez que fue de la villanueba de Aroza ... consta de dho foro que parece pasó por Testimonio de Álvaro de Casal... su fecha de diez y siete días del mes de nobiembre del año pasado de mill seiscientos y ocho... y posesión de los referidos lugares y Casales y mas vienes a ellos anejos subcedió y fue el primero posehedor el Capitán Juan lavado y Beatris vidal su muger vecinos que fueron de la dha villa de Cangas, bisabuelos del dho otorgante aora difuntos quienes ellos hicieron Patronato adbocación y honor con su Capilla del glorioso aPostol San Bartolome ynfante Cuia Capilla y santuario se alla sita en esta dha fra Y lugar referido... de Villarino, y porque el dho otorgante por linea y desendensia de dho Capitan Juan lavado y Beatris vidal subcedió en dho drco (derecho) y util de dhos lugares y vienes y Patrono Yn solidum de dha Capilla de que se alla posehedor.../”.

Non sabemos o motivo pero decatámonos da ausencia da citación dos auténticos fundadores desta capela, quedando como principais nomes o de Juan Lavado Franco e a súa esposa Beatriz Vidal, fillo sucesor dos autores da fundación. Fernando asegura que ao estar aveciñado en Vigo e que por tal causa non pode levar ben granxeados os ditos casais, pero que as rendas deben serlle entregadas como tal sucesor do morgado.

Anxo Coya

Anxo Coya / Santos Álvarez

*Veciño do Hío

Suscríbete para seguir leyendo