Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Foguetes e pirotecnia

A primeira noticia que se ten de lanzamento de fogos en Cangas data de 1856, cando xa se lanzaban habitualmente diante da hoxe excolexiata para anunciar a romaría de Darbo

Unha espectacular tirada de fogos artificiais nun Domingo do Cristo, en Cangas.

Tense escrito que a pólvora chegou a Galicia da man de Pedro Madruga cando trouxo uns arcabuces para combater aos Irmandiños mais a pólvora no seu uso lúdico e festivo foi empregada por primeira vez en Santiago nas celebracións do Apóstolo de 1550 da man de artificieiros militares. Desde esta iríase estendendo polas numerosas celebracións festivas de Galicia chegando no século XIX a ser unha segunda actividade de moitos paisanos que fabricaban os foguetes nas suas propias casas. En cada Concello adoitaba haber un ou máis fogueteiros e a gran demanda dos seus produtos consistía basicamente nas chamadas bombas de un ou varios estralos e na cantidade e potencia coa que competían as parroquias cercanas, ata o punto de que se acuñou o dito de que en Galicia non había folión sen foguetes.

Neste mesmo século tamén se comezan a exhibir nas festas os chamados fogos fixos consistentes en rodas xiratorias de lume (soles), bengalas, árbores e castelos para quen puidese pagalos pois xa incorporaban luces elementais de cores que precisaban de coñecementos químicos.

Fogueteiros en pleno proceso de tirada dos fogos de pirotecnia.

Fogueteiros en pleno proceso de tirada dos fogos de pirotecnia.

A primeira vez que temos noticia do lanzamento de foguetes en Cangas procede do ano 1856 cando xa se lanzaban habitualmente diante da colexiata para anunciar a romaría de Darbo, nestas datas igrexa anexa de Cangas. A tradición de lanzar foguetes seguiría nos anos seguintes segundo noticias de 1875 que sitúan a procedencia dos mesmos nunha pirotecnia de Vigo. Aínda que en 1883 xa se establece en Bueu o pirotécnico Juan Iglesias González (saga familiar de longa traxectoria), os fogos de Cangas seguían vindo de Vigo e para as festas do Cristo de 1887 chegan en barco foguetes, fachadas e castelos, manténdose así durante oito anos. Nestas datas, a pirotecnia vai alcanzar un alto número de talleres pois só na cidade de Pontevedra eran catorce os polvoreiros, sendo seis os existentes na área de Vigo. En 1894, os irmáns Ángel e José Tiebo Piñeiro van abrir en Cangas un obradoiro pirotécnico que ao pouco xa sufriría un accidente pero, contodo, desde esta data serían habituais cos seus foguetes nas festas da contorna, incorporando desde esta data o lanzamento de globos de aire quente, costume que chegaría ata 1927.

Un barco voador que formaba parte dun espectáculo pirotécnico.

Arredor de 1907 vaise implantar nas festas do Cristo o lanzamento de foguetes desde os barcos nos que tamén se disparaban bengalas de cores. Os Tiebo, agora José e o seu fillo Antonio, seguirían encargándose da pirotecnia nos anos seguintes sufrindo outro accidente en 1915 e continuando logo coa pirotecnia Antonio. Este aínda se ocupa el só en 1922 das festas de Cangas e máis as de Darbo, sendo que no Cristo do ano seguinte é a pirotecnia dos Franco de Lavadores a única encargada dos foguetes. En 1924 Tiebo volve compartir os fogos cun pirotécnico do Porriño e no ano seguinte (1925) co de Lavadores e xuntos van protestar porque o axudante de Mariña prohíbe o lanzamento de foguetes desde os barcos, solicitándolle a restitución deste ancestral costume.

Historia da queima de galáns, que se remonta a 1933 e que se popularizou nas antigas festas de San Roque, na Capela do Hospital.

Historia da queima de galáns, que se remonta a 1933 e que se popularizou nas antigas festas de San Roque, na Capela do Hospital.

Como se mantivo nos seus trece o axudante, decidiron sustituir os fogos por un concurso de barcos iluminados. Desde 1923, a ditadura prohibira o lanzamento de fogos pero os alcaldes non querían deslucir as festas e miraban para outro lado, a non ser que alguén como neste caso, impuxese o seu criterio. Os fogos recuperaríanse ao chegar a República en 1931 e no 1933 exhíbese por primeira vez en Darbo unha fachada (fronteira) de fogos de lucería e a queima dun castelo de fogos prendido por un barco que se lanzaba por un arame botando fogos.

A solta dun globo nunhas festas.

A solta dun globo nunhas festas.

Neste ano, tamén en Darbo, dase noticia da queima dunhas damas e galáns que estouraban despois de dar voltas bailando. Quizáis se deba aos Tiebo a introdución, no ano antedito, da queima (fogo fixo) dos chamados Galáns que continúa a facerse hoxe no inicio das festas do Cristo. Como dixemos, este artiluxio pirotécnico tivo gran éxito nas festas de Darbo pero onde se popularizaría sería nas antigas festas do San Roque na capela do Hospital no que os “Galáns” se fixeron representativos desta celebración.

En 1943 os pirotécnicos Tiebo de Cangas e os Franco de Lavadores, duas sagas históricas de fogueteiros, volverían a coincidir nos fogos do Cristo. Nas festas de 1960, xa se encarga dos fogos a pirotecnia Caballero de Ponteareas e nun mediodía de xullo de 1971 sería o principio do fin da saga dos fogueteiros Tiebo, agora Avelino, ao se producir o estoure das instalacións que tiña na Choupana. A traxectoria dos Tiebo como pirotécnicos remataria en 1976 ao volveren estoupar as suas instalacións, deixando sen fogos as Festas do Cristo. Despois disto Avelino deixaría a produción de foguetes pero ainda seguiría relacionado co oficio ao exercer de axente doutras pirotecnias, especialmente “La Gallega”, que faría as suas exhibicións en moitas das festas de Cangas.

*Investigador e mestre

Compartir el artículo

stats