Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luminarias e alumados

A primera vez que se puxo alumeado foi en 1875, cuando os festexos duraban dous días

Farolillos e luz. | // ARQUIVO DO AUTOR

Nestas datas consta que, ademáis dos foguetes, se facían fogatas e luminarias a rentes do mar para que se percatasen da festa os veciños de Vigo, acudindo moitos deles nas lanchas que remolcaba un pequeno vapor chamado “O de Botana”. A música de gaita era a habitual nestas datas e os grupos típicos, que comezaron a incorporar clarinetes, prolongaban a sua intervención nos bailes dos seráns. Sería nas festas do Cristo de 1884 cando vai intervir por primeira vez unha banda de música: A da Beneficencia de Pontevedra pero este apartado musical non o incluiremos aquí.

Unha imaxe das Festas do Cristo de Cangas. | // ARQUIVO DO AUTOR

O sistema de iluminación seguiría sendo o habitual nos anos seguintes e en 1887, ademáis das fogatas e luminarias xa se incorporan alumados artísticos nos balcóns (cabos de vela, candís) e vasiños de cristal de cores cunha lampadiña de aceite. Estas luminarias nocturnas compartían os varandais das casas enfeitados tamén con cubrecamas, sabas bordadas, mantóns, bandeiras... nas casas do Progreso e rua da Calzada e con redes nas portas das vivendas dos mariñeiros. Hai que ter en conta que ata estas datas ainda non había recheos e o primeiro que se fixo (hoxe praza da Constitución) estaba ocupado por un alpendre onde se vendía o peixe. Cabe pois que o lugar central dos actos da festa fose a citada rua da Calzada e a procesión discorría polas ruas do casco vello, mais a falta de espazo no 1891 xa anuncia a celebración de “bailes campestres” no recheo do dique, agora rua do Progreso, eliminándose tamén o alpendre do mercado.

Praza e músicos. | // ARQUIVO DO AUTOR

En 1898 establécese o alumado público con petróleo e o contratista do mesmo, Pedro Soliño, vaise encargar da iluminación da zona do dique do recheo chamada rua do Progreso (logo Vincenti) onde se comezan a celebrar os actos festivos. Nestes anos, os balcóns seguían a enfeitarse con colchas e os mariñeiros colocaban redes nas portas das suas casas. Cara a 1902 empeza a usarse a iluminación á veneciana consistente en colocar no lugar da festa faroliños de cores pendurados e candeas (velas) e candís nos balcóns. Por primeira vez vai aparecer o alumado con gas co que se alimentaban uns mecheiros que daban máis luz e non oscilaba a chama. En 1904 xa se comercializa o gas acetileno en Cangas e mellora a iluminación festiva ao utilizarse nos faroliños dos balcóns e incluso colocando grandes focos os que tiñan máis posibles, como Cabanelas que iluminaba a frente do seu negocio. O encargado da iluminación con gas era Juan Fernández, contratista do alumado público público con petróleo, mentres que dos faroliños “ a la veneciana” (con candeas) encargábase Juan Martínez Rua.

Luminaria. | // ARQUIVO DO AUTOR

Nas festas do Cristo de 1906, xa instalada a rede de gas acetileno en parte da vila, vaise instalar un báculo na chamada Praza (Constitución), custeado por Indalecio García, socio da fábrica de gas. A maiores, tamén colocarían luces de gas Cabanelas e o café La Marina, entanto que Juan Fernández se encarga esta vez de iluminar Eugenio Sequeiros, Méndez Núñez, a rua Real e a rua do Progreso (logo Vincenti) ata onde empezaba o dique do molle. Este tipo de alumado, á veneciana (faroliños) e con gas perduraría ata as festas de 1909 en que se inaugura oficialmente a luz eléctrica, alumando xa algunhas bombillas nas zonas da festa e algúns establecementos próximos. Porén, esta iluminación era ainda escasa e tiña que completarse coa clásica a la veneciana mais era preferible á perigosidade do gas. En 1913 ainda perduraba este sistema de alumado, sendo que o eléctrico xa se ía estendendo cada vez a máis puntos de luz segundo o suministro e potencia da mesma.

Nestas datas, as parroquias ainda non contaban con luz eléctrica e o alumado, quen puidese pagalo, era o sistema a la veneciana do que se encargaba o xa mencionado Juan Martínez Rua de Cangas. Así consta nas festas do San Pedro en Aldán e nas de Darbo onde se compaxinaba este sistema co de mecheiros de acetileno traídos de Cangas. Desde os primeiros anos do século XX, a capela de San Roque do Monte viña sufrindo un forte deterioro e suspendéronse os actos na mesma polo que arredor de 1913 comeza a celebrarse en Cangas tendo como referente a Capela do Hospital. Xa nas festas deste ano viría a Banda de música Municipal de Vigo e facíase a procesión do traslado das imaxes de San Roque, San Sebastián e da Virxe do Rosario que ocupaban un mesmo altar na igrexa parroquial. Deste altar ou capela estaba encargado precisamente o cura de Darbo cando esta igrexa era un anexo e mesmo despois cando se rehabilitou novamente como parroquia. Arredor de 1918, dase noticia de que unha veciña de Cangas, Silveria Martínez “A Chilola”, populariza a venda duns faroliños, bandeiriñas de cores e vedrines (molinetes) montados en canas que levaban encolada con engrudo (fariña e auga) unha imaxe do San Roque.

En 1922 xa toda a iluminación das festas de Cangas é eléctrica e vaise encargar da mesma o electricista Juan Fariña pero nos anos 1923 e 1924 correría a cargo da empresa viguesa Usina Eléctrica. Nas festas do Cristo de 1925 compartiría a instalación do alumado o local señor Fariña e a Casa Valverde y Cia de Vigo. Juan Fariña sería o instalador nos anos seguintes e no 1927, o tamén electricista local señor Nores vaise encargar da iluminación especial da fachada da igrexa. Desde a inauguración do palco da banda en 1926 tamén se ilumina a Alameda, a rua Real e as chamadas avenidas de Vincenti e Montero Ríos.

En 1932, a colocación da iluminación correu a cargo da empresa viguesa Viuda de Francisco e como contribución á Beneficencia, o xerente da eléctrica Hulla Blanca, Indalecio García, donaría o custe do fluído e aportaría máis bombillas ao alumado.

Ainda que a luz eléctrica chegou a Darbo en 1925 non sería ata a romaría do 1933 cando esta lucise na carballeira, deixando atrás os tempos da iluminación coas farolas de petróleo dos barcos, os faroliños venecianos e os mecheiros de gas...

Compartir el artículo

stats