Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna Libre

“Nos imponen el gallego”

O pasado luns 1 de agosto asistín á consulta que tiña concertada no Centro de Saúde de Bueu. Pasando por alto que, para conseguir cita, tívena que solicitar case cunha semana de antelación, para que despois nos escandalicemos de ter as urxencias colapsadas… En calquera caso, agardei a miña quenda e entrei. O gallo desta visita era un informe de saúde para poder presentar ante a empresa. Saudei cordialmente a médica e a súa enfermeira e comenteilles a situación.

No momento en que se dispuxo a redactar o papel, pedinlle con total amabilidade se mo podería facer en galego. Nese intre, o rostro mudoulle “Estás cortando mi libertad como médica”. Fíxose un silencio desagradable no que a enfermeira mirou para a médica. Acto seguido continuou “Tú sabes que aquí hay dos lenguas, no?”. Eu contesteille con toda tranquilidade “Precisamente… por iso che solicito que mo escribas nunha delas…”. Non daba creto. “Pero te lo piden en gallego para la empresa?” “Non, son eu quen quere que estea redactado en galego, creo que non é tanto pedir…”.

A esas alturas xa non sabía se ía saír da consulta co papel escrito na miña lingua. Así que di “Yo soy gallega, muy gallega, más gallega que muchos que hablan gallego!”. A ver, unha frase totalmente innecesaria. Non lle estaba a reclamar o carné de galeguidade que, por outra banda, non sei onde os reparten nin cales son os requisitos para os obter. Con todo, na miña cabeza resoaban as palabras de Castelao “Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”. E aí non me casaban as palabras cos feitos.

Apenas puiden responder “E logo cal é o problema?” “No, si yo lo digo porque, si te encuentras con alguien que no sepa gallego… porque no tiene por que saberlo!”. Xuntei as sobrancellas e respondín “Para traballar en Galicia, dado que hai dúas linguas, haberá que ter coñecemento e dominio de ambas as dúas”. Xa obviando o feito de que, para traballar nos servizos públicos galegos, hai que demostrar coñecemento de galego, malia que poida parecer unha tautoloxía.

A médica, mentres tecleaba no ordenador, continuou co seu obstinado labor de me arredar desa idea “tola” de recibir un informe de saúde no SERGAS en galego. “Mira, aquí en este Centro de Salud solo habla gallego un médico” —vaia argumento, pensei eu— “y yo lo chapurreo cuando viene gente mayor”. Non sei que me parece máis insultante: que perpetúe a brecha lingüística ligada á idade ou que lle negue reiteradamente o uso do galego a unha persoa que llo solicita explicitamente.

Despois de lle intentar facer entender que existe unha diferenza de poder entre as dúas linguas, que leva a unha distribución xerárquica e, xa que logo, a unha insistencia maior no vello prexuízo de clases (galego baixas, español altas), intenteille suxerir que, para un mellor resultado nas interaccións co paciente —segundo as teorías da cortesía de Grice— debería buscar un maior achegamento e empatía. Por resposta só atopei “Bueno, veo que no llegaremos a un punto de encuentro”. Erguinme da cadeira, despedinme e marchei.

O mellor de todo é que o informe que suscitou tanta controversia rezaba “O paciente non sufre ningunha enfermidade física ó psíquica que lle impida realizar tarea laboral algunha”. Case teño que saír agradecido porque me fixera o favor de redactar UNHA LIÑA de informe en galego…

E a miña reflexión, despois deste paternalismo e intento de disuasión á altura da frase de Rosa Díez “Españolizar a los alumnos catalanes” foi: se lle solicitase o informe, xa non en inglés ou en francés, senón en español —nesa outra lingua que tamén hai aquí— atoparíame coa mesma peroración que tiven que aguantar tan só por facer uso dos meus dereitos lingüísticos? Poño a man no lume a que non.

Polo tanto, é certo que en Galicia hai dúas linguas en pé de igualdade? Parece obvio que non. Vai por terra o suposto bilingüismo harmónico que nos venden desde a Xunta. Semella, polo tanto, que o galego é unha alteridade para este sistema público depauperado e, sobre todo, para este goberno lingüicida rexido polo Partido Popular e implementado, na vertente lingüística, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística da man do señor Valentín Gómez.

E aínda teremos que aceptar a eterna frase “Nos imponen el gallego”.

*Veciño de Bueu

Compartir el artículo

stats