Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

CRÍTICA / "CONTINENTE MARÍA"

As marcas do exilio

A obra foi o espectáculo central da programación da Mostra de Teatro canguesa do venres 8 de xuño

Unha escena da obra deste venres no Auditorio. | ESTUDIO PROLIGHT

Un monólogo que fai dialogar dúas actrices a través do tempo. O Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela acolleu dentro da programación da 39ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas unha función de Continente María, unha coprodución de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante co Centro Dramático Galego e o Concello da Coruña. A peza, con texto de Marianella Morena e dramaturxia e dirección de Tito Asorey, é un monólogo interpretado por Melania Cruz que fai un percorrido pola figura da actriz María Casares, coincidindo co centenario do seu nacemento.

A pesar de que é un monólogo, no traballo establécese todo o tempo un diálogo entre Melania e María Casares. Nel, a figura de María Casares compleméntase coas propias achegas de Melania, que, como se nos di, pode imaxinala como queira, a partir dunha foto, dun recorte, dunha entrevista, dunhas cartas, das súas memorias; imaxinala para entendela, para entenderse, aínda que non haxa por que procurar entendelo todo. E dende ese diálogo e a voz que vai cambiando, dunha á outra, acaban mesturándose María e Melania, quen tamén nos vai explicando as cousas e nos vai lanzando preguntas, establecendo pontes entre o pasado e o presente, dende as súas propias reflexións.

A partir da vida de María, a obra aborda moitos elementos da historia española e europea recentes. A Guerra Civil, a Segunda Guerra Mundial... E fala tamén dalgunhas consecuencias que trouxeron estes feitos, como o exilio, a persecución, a aldraxe e tamén o esquecemento. Dende ese diálogo continuo entre Melania e María, reflexiónase arredor do que se quere soterrar e calar, e tamén sobre as decisións e como estas nos marcan; ao igual que marca o exilio, que a María a fixo sentir nun permanente estado de urxencia e reforzou a súa vontade de escoller o teatro como patria, de berrar contra a inxustiza dende as táboas. A peza conta coa música en directo de Vadim Yukhnevich, que ambienta e complementa o traballo de Melania, e tamén fai uso de proxeccións audiovisuais de imaxes e de texto.

Continente María é unha proposta sobre o amor polo teatro que afonda, homenaxea e conecta co presente unha figura poliédrica. É un traballo que ten un ton demorado, que apela á emoción, que se deleita na palabra, xa que entende o teatro “como reservorio da palabra”. Melania viaxa por esa María que á súa vez vai decorrendo pola súa propia vida. Melania interpreta, emociónase, sorrí, canta e diríxese ao patio de butacas. O público aplaude a súa entrega en determinados momentos e faino longamente e en pé ao final.

Compartir el artículo

stats