(Para Jaime Fernández Álves, na súa xubilación en Protección Civil de Cangas)

Benquerido Jaime.

Hoxe é un día de ledicia e celebración, xubílaste. Fíxate o importante que eres, que sen querelo, acadas unha dimensión similar á dos xogadores de fútbol, que rematan contrato o 30 de xuño.Chegaches unha mañá do Carme do ano 1999, con cara de asustado e creo que non sabendo ben a onde viñas.

Viñas para traballar como condutor do camión forestal, o que chamabamos Halcón. Ti tiñas os turnos cruzados con respecto aos que estabamos nun principio coa brigada de incendios, aínda que estabamos para atender calquera urxencia. Isto foi o xerme do que hoxe é o Grupo de Emerxencias Municipal.

Os primeiros servizos teus foron para asistir co camión aos incendios forestais. E non foi fácil xa que o camión non era nin sinxelo de manexar nin o último modelo pero aínda así, foche zafando.

Despois foron os primeiros accidentes e por desgracia tamén, os primeiros mortos. Pero estas circunstancias non fixeron máis que encherte de valor e con decisión empezaches a facer cursos e a integrarte rapidamente no mundo da Protección Civil. Foron anos difíciles, con continuos contratos, con paradas no servizo, pero aínda así, non perdeches nunca a visión de quen eras e cal era o teu cometido. Pasamos por momentos moi difíciles no ámbito laboral e tamén no persoal. Aínda que din que os de Protección Civil somos doutra pasta, hai situacións que chegan a superarnos.

Hoxe, grazas ao esforzo e implicación de moitas persoas e tamén o teu, Protección Civil creceu ata o que somos: un servizo recoñecido dentro e fóra de Cangas, cun gran nivel de formación, cun potencial humano enorme e con bos medios técnicos.

Nunca buscaches notoriedade nin protagonismo e coa túa personalidade sinxela e humilde foches quen de gañarnos a todos. O teu redor crecemos como persoas, transmitíchesnos uns valores que quedarán para sempre, e sobre todo, ese humor sarcástico único que se resume na frase “ somos buenos” que pronuncias cando o servizo sae ben.

Quédanme deberes marcados por ti e un deles é que conseguir unha medalla ao mérito “polo traballo do submarino”. Non sei moi ben como expresalo, pero teño moitas cousas que agradecerche a ti e a túa familia. A ti, por todo o vivido durante estes anos, e a túa familia por deixarte que tamén formes parte da familia laranxa de Protección Civil de Cangas.

Remato xa lembrándoche unha cousa: chegaches por catro meses e botaches case 23 anos.

Moitas grazas amigo.

(*) Protección Civil Cangas